O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, participa na presentación desta cita

López Campos refírese ao Festival Castelo conta “como unha gran festa para celebrar as nosas raíces, a nosa lingua e a nosa cultura”

O representante da Xunta de Galicia agradece a implicación de profesionais como o actor Xosé Antonio Touriñán nesta iniciativa que ofrece unha programación diversa 

A actividade, que se celebrará en Culleredo desde o día 19 de agosto, forma parte da campaña ‘CulturON’ que ten en marcha a Xunta con máis de 30 plans culturais ao día

Culleredo (A Coruña), 9 de xullo de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da IX edición do Festival Castelo Conta ao que o representante de Cultura da Xunta se referiu “como unha gran festa para celebrar as nosas raíces, a nosa lingua e a nosa cultura”.

No acto, celebrado no campo da Capela de San Ramón, en Culleredo, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude agradeceu a implicación de profesionais como o actor Xosé Antonio Touriñán, “por impulsar unha iniciativa que valora a nosa tradición oral e traballa pola súa conservación ofrecendo unha programación singular e diversa”. 

A IX edición do Festival Castelo Conta, que se celebrará en Culleredo desde o día 19 ata o 25 de agosto, acollerá actuacións musicais, de artes escénicas, de recuperación da tradición oral, actividades infantís, proxeccións audiovisuais, romarías e citas gastronómicas. En total 62 actividades para todos os públicos ao pé do Monte Xalo.

O titular de Cultura da Xunta tamén destacou que citas coma esta están enmarcadas dentro da programación do CulturON que promove o Goberno galego, con máis de 30 actividades cada día, en máis de 200 concellos de toda a Comunidade. Entre os plans culturais que se ofertan atópanse propostas infantís, festivais, música, novo circo, teatro, exposicións ou danza, un amplo abano de iniciativas para todos os gustos e idades que se desenvolverán durante esta tempada estival. 

Este festival está comprometido con iniciativas solidarias e de protección do medio ambiente, como a limitación de plásticos dun só uso, ou a promoción de xornadas relacionadas coa plantación de especies no Monte Xalo, en colaboración coa Comunidade de Montes Veciñais de Castelo ou coa ONG Ecos do Sur, que traballa no campo da integración social.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/07/2024