A delegada territorial de Ferrol visitou esta mañá o hotel Camino do Eume, en Pontedeume

Martina Aneiros anima a establecementos e axencias de viaxe da zona a adherirse a campaña dos bonos turísticos da Xunta para o próximo outono

Destaca o éxito da campaña coa que o Goberno galego pretende promover as viaxes na comunidade autónoma e apoiar así ao sector fóra da temporada alta

Os bonos, que están a piques de rematarse, poden descargarse a través da web bonoturismo.gal, e contan cun importe de 150 euros

As empresas poden seguir adheríndose ata o 2 de decembro

Pontedeume (A Coruña), 9 de xullo de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o hotel Camino do Eume, un dos establecementos adheridos ao bono turístico onde destacou o éxito desta campaña -a penas quedan abonos- coa que o Goberno galego pretende promover as viaxes na comunidade autónoma durante o outono e apoiar así ao sector fóra da temporada alta.

Aneiros animou aos que aínda non o fixeran a descargar os bonos -ata un máximo de dous- a través da web bonoturismo.gal. Trátase de bonos en formato código QR cun importe de 150€, cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia en nun 60% polas persoas que o soliciten (os particulares abonarán, polo tanto, 90€ para contar cun bono por valor de 150€). Poderán empregarse a partir do 10 de setembro e ata o 25 de decembro, ambos incluídos.

“O turismo en Galicia está a experimentar un crecemento exponencial nos últimos anos e moi especialmente nas Rías Altas que teñen apostado por un turismo máis sostible, moi vinculado á natureza e iso estámolo a ver nas nosas comarcas onde o Camiño Inglés tamén está a ser un polo de atracción importante como é o caso do Eume”, indicou Aneiros.

O hotel Camino do Eume é un dos 18 establecementos da zona adheridos á ata o momento á campaña -en total o número de empresas xa superan as 300 en toda Galicia-. Os interesados aínda teñen prazo para sumarse á iniciativa ata o 2 de decembro, segundo lembrou a delegada territorial.

O bono turístico conta este ano cun orzamento de 1 M€ e a previsión de mobilizar no sector 2,5 M€ durante este outono coa posta en circulación de máis de 16.000 bonos en formato código QR dos que xa se levan descargado a práctica totalidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/07/2024