José González viaxará este mes á Arxentina e ao Uruguai para seguir potenciando as estratexias de retorno e os lazos coa comunidade galega no exterior

Trátase da primeira viaxe con este propósito do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, que se vén de reunir cos delegados da Xunta en Bos Aires e Montevideo para perfilar os detalles da visita

Acompañado do secretario xeral da Emigración, González manterá tanto encontros institucionais como con galegos residentes na Arxentina e no Uruguai, incluídos empresarios e descendentes de emigrados con interese en establecerse en Galicia

Incidirase na ampla batería de medidas que contempla a Estratexia Galicia Retorna do Goberno autonómico, como o Programa Retorna Cualifica Emprego ao que se lle dará un pulo decidido da man das empresas para ofrecer en orixe traballos de calidade

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, ten previsto viaxar a finais deste mes á Arxentina e ao Uruguai co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades da comunidade galega no exterior e potenciando estes vencellos, ademais de seguir impulsando as estratexias de retorno. Trátase da primeira viaxe con este propósito desde a súa chegada ao cargo, na que aproveitará tamén para manter encontros institucionais con diferentes representantes de ambos países. 

O conselleiro vén de perfilar os detalles da visita cos delegados da Xunta en Bos Aires e Montevideo, Alejandro Roberto López e Mª Elvira Domínguez respectivamente, cos que se reuniu en compañía do secretario xeral da Emigración.

Con todos eles González coincidiu no compromiso de seguir fortalecendo os lazos que nos unen cos galegos que viven en distintos recunchos do mundo, para garantir que todos se senten apoiados pola Xunta, estean onde estean. Tamén na necesidade de que coñezan a Estratexia Galicia Retorna impulsada polo Goberno autonómico para acoller de volta aos que noutrora emigraron ou aos seus descendentes.   

Detalles da visita

Na viaxe, José González manterá xuntanzas con diversos cargos institucionais da Arxentina e do Uruguai relacionados coas competencias de emprego, co gallo de establecer sinerxías que redunden no beneficio deses países e de Galicia, tendo como base a grande aportación da nosa emigración ao crecemento das súas economías.

Así mesmo, o conselleiro e o secretario xeral da Emigración manterán encontros con empresarios procedentes da nosa Comunidade, ademais de achegarse a centros e entidades galegas de carácter social e cultural, así como a actos organizados para poñer de relevo os valores da nosa terra.

Nese senso, a previsión é debullar a potente batería de medidas despregadas para promover a volta a Galicia, como o Programa Retorna Cualifica Emprego, ao que se lle dará un pulo decidido da man das empresas para ofrecer en orixe traballos de calidade aos que noutrora emigraron ou aos seus descendentes, con formación específica ao efecto e axudas para establecerse na nosa terra. Así, ao tempo que se aumenta e fixa poboación -especialmente na Galicia rural- dáse resposta ás vacantes existentes no mercado laboral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/07/2024