A Xunta fomenta a bioseguridade para o transporte de gando e viveiros de produción de materiais vexetais cun orzamento de máis de 400.000 euros

A Consellería do Medio Rural publica a resolución destas axudas no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2024

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se resolven as axudas destinadas a investimentos en materia de bioseguridade para a mellora ou construción de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando, así como para investimentos en bioseguridade en viveiros acometidos por determinados produtores de materiais vexetais de reprodución. As achegas contan cun orzamento de 423.129,09 euros financiados polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia dos Fondos Next Generation.

As axudas concedéronse en base a tres criterios. Contaron con maior puntuación os produtores de dereito privado de campos de planta nais de froiteiras e vide de categoría inicial e os campos de planta nai de base de cítricos, seguidos do resto de produtores de dereito privado e por último, os produtores de dereito público.

Na liña das axudas destinadas a investimentos en materia de bioseguridade para a mellora e construción de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando, foron subvencionadas actuacións relacionadas coa modernización e mellora de equipamentos dos centros en activo co fin de obter unha maior eficiencia nos sistemas actuais ou para a instalación de novas tecnoloxías nas tarefas de limpeza  e desinfección de vehículos para o transporte do gando, así como para a construción de novos centros.

O obxectivo operativo destas achegas é mellorar a resiliencia e competitividade dun sector económico estratéxico como o sector agroalimentario, apoiando a consecución dos obxectivos climáticos, ambientais e de descarbonización da economía.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240709/AnuncioG0426-010724-0002_gl.html

 

Data de actualización: 09/07/2024