O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle as bases que rexen a concesión destas achegas para o período 2024-2026

A Xunta publica a nova convocatoria de axudas para consolidar e seguir estendendo a Rede Galega de atención temperá

Póñense a disposición dos concellos 15,8 millóns de euros para consolidar as unidades que xa están en funcionamento e crear 12 novas

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe convoca as axudas para consolidar e seguir estendendo por toda a comunidade a Rede galega de atención temperá, un servizo público gratuíto para as familias que é fundamental para dar resposta o antes posible ás necesidades de nenos de 0 a 6 anos con problemas de desenvolvemento ou risco de padecelos. Esta orde abarca o que resta deste ano e todo 2025 e 2026, e conta cun orzamento de 15,8 millóns de euros que está cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa FSE+Galicia 2021-2027.

Este investimento supón un incremento do 34% dos fondos destinados a esta finalidade con respecto á anterior convocatoria e permitirá aumentar o número de profesionais das unidades que atenden a unha maior poboación. A través desta liña de achegas, dirixida a concellos e agrupacións de concellos, darase continuidade ás unidades de atención temperá xa en funcionamento e poderanse crear ata doce novas. Coa posta en marcha destes novos servizos agárdase prestar servizo a 5.000 nenos e ás súas familias en toda Galicia.

Os concellos e agrupacións de concellos interesadas en optar a estas axudas teñen, a partir de mañá, un mes de prazo para presentar as súas solicitudes. Deberán facelo por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Administración autonómica.

Crecemento da rede

Nos últimos anos, o Executivo autonómico deu un forte impulso á atención temperá. Desde 2009 ata o día de hoxe, Galicia pasou de ter só dúas unidades a 45 na actualidade e de cubrir unicamente 15 concellos a chegar aos 200 nestes momentos.

Ademais destes servizos de titularidade municipal, dispóñense de recursos de atención temperá nos hospitais públicos e de tres unidades nas comarcas do Deza, Salnés e Bergantiños que son xestionadas pola Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT).

Data de actualización: 09/07/2024