O Cetmar incorpórase a Redemar, a plataforma de colaboración entre o sector pesqueiro e os organismos científicos galegos

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2024

O Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) incorpórase á rede e colaboración entre o sector pesqueiro e os organismos científicos, Redemar. Así se informou no Consello da Xunta xa que supón a modificación  da Orde pola que se crea esta plataforma pioneira que ten como obxecto a obtención a mellor información dispoñible para xestión e ordenación pesqueira e mellorar a transferencia de información entre os centros de investigación, o sector, a sociedade civil e a propia Administración.

Deste xeito esta fundación pública, que desenvolve a súa actividade no ámbito autonómico, nacional e internacional, súmase a outros centros de investigación de referencia como o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), o Instituto para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) ou á Axencia Estatal do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). A súa principal misión é traballar na mellora do medio mariño, dos seus recursos e dos sectores que viven del fomentando a innovación e a sustentabilidade ambiental, económica e social mediante a execución de accións dirixidas á conservación e aproveitamento responsable dos recursos mariños.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 08/07/2024