A Xunta investirá preto de 18 M€ no mantemento de equipamento de alta tecnoloxía da marca Varian, da cal se benefician anualmente 9.000 pacientes oncolóxicos

O Servizo Galego de Saúde realiza cada ano arredor de 150.000 sesións de radioterapia e braquiterapia con estes aparellos

A Xunta conta con 17 aceleradores e equipamentos de braquiterapia desta marca que empregan técnicas menos invasivas, menos dolorosas e máis seguras para os pacientes

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2024

O Consello da Xunta autorizou hoxe a contratación, por 17.973.346 euros e un período de cinco anos, do servizo de mantemento integral e evolutivo de equipamentos de alta tecnoloxía da marca Varian, instalados nos centros do Servizo Galego de Saúde. 

Grazas á incorporación de 17 aceleradores de radioterapia e equipamentos de braquiterapia, preto de 9.000 pacientes oncolóxicos galegos dispoñen cada ano de ferramentas de diagnóstico e de tratamento que empregan técnicas menos invasivas, menos dolorosas e máis seguras. Por iso, a alta tecnoloxía médica é considerada unha das variables clave que inflúen de forma decisiva na calidade do proceso asistencial.

O mantemento deste equipamento é esencial para maximizar a súa vida útil, evitar a súa obsolescencia e garantir a seguridade de pacientes e profesionais. 

Nos últimos cinco anos, o Servizo Galego de Saúde realizou con estes aparellos unha media anual de arredor de 150.000 sesións de radioterapia e braquiterapia. Ademais, dous aparellos instalados xa no Novo Montecelo terán un mantemento preventivo ata o momento en que comecen a súa actividade asistencial.

Investimento en equipamento hospitalario

A Xunta inicia agora o proceso de contratación para o mantemento de 17 aparellos de oncoloxía radioterápica da marca VARIAN, cuxa compra supuxera un investimento de 9.895.380 euros. Deles, seis foron financiados pola Unión Europea, a través do plan INVEAT de investimentos en equipamentos de alta tecnoloxía sanitaria, do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. 

En total, o Goberno galego dedicou máis de 67 millóns de euros á renovación do equipamento hospitalario con 76 novas unidades de diferentes marcas. 

A Xunta tomou a decisión de complementar os fondos europeos con outros do seu propio orzamento para adquirir equipamentos de gamas superiores aos financiados, como foi o caso dos contratos de TC (para incorporar os de tecnoloxía espectral) ou das resonancias magnéticas. 

Data de actualización: 08/07/2024