A Xunta amosa o Lugo dos anos 70 coas fotografías de José Luís Vega na biblioteca e no arquivo histórico provincial

O delegado territorial, Javier Arias, explica que son “documentos históricos excepcionais para coñecer a evolución da cidade no último medio século” 

Lugo, 8 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia expón unha escolma de fotografías de José Luis Vega que percorren a década dos anos 70 do pasado século, ofrecendo unha panorámica das xentes, o urbanismo ou a situación económica e social de Lugo naquela época.

A mostra A cidade e as xentes prolongarase ata o mes de outubro e consta de dúas partes diferenciadas. A Biblioteca Pública Provincial rescata as imaxes relativas ao período 1970-1975, que hai un ano expuxera o Arquivo Histórico Provincial, mentres este acolle desde marzo as correspondentes á etapa entre 1975-1979.

Ambos son centros xestionados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e comparten o mesmo edificio aínda que con accesos independentes, o que confire continuidade á exposición.

Todas as fotografías pertencen ao fondo de José Luis Vega que posúe o Arquivo Histórico Provincial, que pecha así o ciclo cronolóxico que viña programando coa obra do famoso fotógrafo desde 1940.

José Luis Vega exerceu a súa profesión en Lugo ao longo de 40 anos, tanto na rúa como en estudo. O Arquivo Histórico custodia máis de 300.000 negativos que recollen actos sociais e institucionais, retratos ou manifestacións relixiosas, entre outras.

Javier Arias explicou que as imaxes de Vega, que tamén realizou un papel fundamental como reporteiro gráfico, constitúen “documentos históricos excepcionais que permitirán   aos lucenses e a todos cantos nos visitan no verán coñecer a evolución da cidade no último medio século”.

Recursos dixitais

Javier Arias visitou hoxe a Biblioteca Pública Provincial xunto coa directora, Sabela Pérez Forneas, e destacou que os usuarios do centro teñen á súa disposición un carné dixital na súa conta persoal da app da Rede de Bibliotecas de Galicia, que poden empregar a través do móbil.

Deste xeito, poden acceder ao catálogo galego da biblioteca dixital de préstamo, GaliciaLe, tomar en préstamo libros, revistas e audiovisuais, visualizalos en liña ou descargalos, de forma gratuíta a calquera hora do día e todos os días do ano. Tamén incorpora un acceso directo á web de eBiblio -obras en castelán- e ao catálogo das bibliotecas físicas da Rede.

Data de actualización: 08/07/2024