Rueda destaca o compromiso da Xunta de converter o Teatro Fraga de Vigo nun centro cultural pioneiro e referente no noroeste español

O presidente salienta o acordo entre o Goberno autonómico e a Deputación de Pontevedra para adquirir este inmoble por 9,3 M€

Indica que a Xunta achegará o 51% desta contía e o organismo provincial o 49% restante

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou que o Consello da Xunta foi informado hoxe do compromiso acadado entre o Goberno galego e a Deputación de Pontevedra para adquirir á entidade Abanca Corporación Bancaria, S.A. o inmoble do Teatro Cine Fraga de Vigo para destinalo a fins culturais. O obxectivo, segundo salientou, “é rehabilitar este emblemático edificio para convertelo nun centro cultural e experimental pioneiro e de referencia para todo o noroeste de España”.

O acordo acadado entre o Goberno galego, a Deputación de Pontevedra e a entidade bancaria implica a adquisición da propiedade do inmoble sito na rúa Uruguay de Vigo. Tal e como lembrou Rueda, a compra supón un investimento de “9,3 millóns de euros”, dos que a Xunta achegará “o 51%”, e a Deputación, o “49% restante”.

Unha vez completada a adquisición, os técnicos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude avaliarán o seu estado e as necesidades de actuación co obxecto elaborar un proxecto que permita completar a restauración e reabrir un espazo de enorme simbolismo para Vigo.

Fito cultural e social de primeira magnitude

O antigo Teatro Cine Fraga, con máis de 80 anos de historia, leva pechado desde o ano 2001. A súa reapertura para uso público supón recuperar un edificio emblemático cun enorme simbolismo, á vez que dá testemuño do total compromiso e implicación da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra coa cidade de Vigo e coa súa historia.

Tal e como explicou o presidente, o proxecto, que se porá en marcha neste emblemático inmoble, permitirá ofrecer un recurso cultural e creativo que tirará o máximo proveito “dun auditorio con 1.600 butacas e con foso para orquestra”, que o converten nun espazo máis que axeitado para unha ampla variedade de programacións públicas e privadas, o que permite acoller eventos e espectáculos que exixen unhas dimensións como as que ofrece este inmoble.

Pola súa banda, o espazo da antiga sala de festas vai permitir desenvolver un proxecto cultural que estará baseado na exhibición cultural, na creación artística e na participación do tecido artístico e cultural vigués, tanto no seu deseño como na súa programación. Ademais, a diversidade de espazos anexos suporá que se poderá valorar a instalación en Vigo doutros proxectos culturais de relevancia, para darlle á cidade un sólido e innovador pulo creativo.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/07/2024