A Xunta avanza na posta a disposición do tecido empresarial de máis de medio millón de metros cadrados de solo industrial gratuito durante os oito primeiros anos

Rueda salienta que esta medida entrará en vigor “o vindeiro mes de setembro”

Destaca que permitirá “atraer novos investimentos, mellorar a competitividade do tecido produtivo e xerar emprego de calidad”

As empresas poderán instalarse nas parcelas públicas a través do réxime de dereito de superficie que na actualidade implica un canón desde o primeiro ano

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o Consello autorizou iniciar os trámites para que o tecido empresarial poida acceder “a solo industrial a custo cero durante os primeiros oito anos” nas parcelas de natureza empresarial titularidade do Goberno autonómico a través da Sociedade Xestión do Solo de Galicia Xestur S.A. Unha medida que, asegurou, entrará en vigor “o vindeiro mes de setembro”.

Serán máis de medio millón de metros cadrados de solo industrial que se porán a disposición do empresariado galego dando cumprimento, tal e como resaltou o presidente, ao compromiso do Goberno autonómico para os primeiros cen días de mandato. Unha medida que, segundo destacou o presidente, permitirá “atraer novos investimentos en sectores industriais estratéxicos, mellorar a competitividade do tecido produtivo galego e xerar emprego de calidade”.

Na actualidade Galicia ofrece a aquelas empresas que se queren asentar na rexión  e reúnen os requisitos de proxecto empresarial singular a posibilidade de emprazar construcións ou edificacións en terreo propiedade de Xestur a través do pagamento dun canon durante 30 anos prorrogable por outros 30. É o que se denomina adxudicación de solo empresarial en dereito de superficie e implica o aboamento durante os primeiros anos dunha porcentaxe do prazo completo de venda da parcela: 1,5% para os dous primeiros anos, 2,5% para os seguintes dous anos e para o quinto e sucesivos o 3´5% . 

A nova medida validada hoxe polo Consello permitirá a concesión de solo empresarial a custo cero durante os oito primeiros anos para novas actividades económicas no réxime de dereito de superficie, o que vai facilitar a implantación de novas empresas na Comunidade Autónoma. En concreto se porán a dispor 563.144 metros cadrados sen a exixencia de que se trate de proxectos empresariais singulares. Unha cifra que se verá incrementada nos próximos meses a medida que se vaian incorporando novos proxectos de desenvolvemento do solo impulsados desde Xestur. En canto ao custo a partir do noveno ano, manteríanse as condicións actuais de maneira que o canon anual a aboar sería do 3,5% do prezo de venda da parcela.

Deste xeito, o Goberno galego avanza na nova estratexia de política industrial que busca, fundamentalmente, impulsar novos sectores industriais estratéxicos; detectar e integrar novas cadeas de valor; promocionar a formación, a atracción de talento e o emprego de calidade e mellorar a competitividade da industria galega a través da innovación, a dixitalización, a sustentabilidade e a internacionalización. Para acadar estes obxectivos, a Xunta conta xa co Plan de impulso e aceleración de proxectos industriais e  traballa na elaboración dos Plans directores dos distintos sectores industriais e o Mapa industrial de Galicia. 

Ao tempo, a Xunta puxo en marcha a Oficina Económica de Galicia dependente do Igape que está a disposición de calquera empresario co obxectivo de axilizar e adaptar a política industrial ás necesidades do tecido empresarial. Nos dous meses que leva en funcionamento, leva atendidas arredor de 1.000 consultas ao mes e realizadas máis de 150 plans individualizados de atención.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/07/2024