Belén do Campo anuncia a licitación da renovación integral do IES Salvador de Madariaga cun investimento de máis de 1,7 M€

A delegada da Xunta destacou que a actuación inclúe a renovación das cubertas, a substitución de carpinterías e a reparación das fachadas para mellorar a eficiencia enerxética e o confort de toda a comunidade educativa

A representante do Goberno galego subliñou que todas estas obras se enmarcan no Plan de Nova Arquitectura, a folla de ruta da Xunta para a modernización dos centros adaptándoos as novas necesidades educativas

A Coruña, 8 de xullo de 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou o IES Salvador de Madariaga para anunciar a licitación dun investimento de máis de 1,7M€  para levar a cabo a renovación das cubertas, a substitución de carpinterías e a reparación das fachadas para mellorar a eficiencia enerxética e o confort de toda a comunidade educativa.

A delegada explicou que está prevista a substitución completa das cubertas do volume orixinal. A maiores executaranse remates de protección dos petos, sen que resulten disonantes co edificio existente, que o protexan das posibles filtracións. Ademais, levarase a cabo a substitución das cubertas das escaleiras exteriores traseiras de formigón engadindo canlóns e baixantes. Os elementos de evacuación de augas, baixantes e canlóns, substituiranse en todo o edificio. Incorporando canlóns nas escaleiras traseiras, que non contaban con eles.

No relativo ás carpinterías exteriores proxéctase o cambio en todas as fachadas do volume orixinal, retornando aos despezamentos orixinais, homoxeneizando solucións e mellorando o seu funcionamento e suprimindo as persianas e substituíndose estas por estores. A disposición das carpinterías na planta baixa do volume traseiro do edificio orixinal implicará a demolición parcial de muros e cornixas, sendo reconstruídos e aproveitando este feito para mellorar o comportamento térmico do inmoble executando un trasdosado pola cara interior do muro. As novas carpinterías serán de madeira de castaño.

Outra das grandes intervencións prevista será nas fachadas que se verán afectadas por algunhas modificacións das carpinterías, xa que se recuperan as disposicións orixinais, aumentando e diminuíndo algúns ocos. A actuación contempla tamén o pintado do edificio completo, así como a limpeza, reparación e impermeabilización das zonas que así o requiran. Outras obras de acondicionamento exteriores serán a restauración das reixas de fundición orixinais (soto), a reposición dunha varanda no acceso á cafetería e a retirada das reixas das xanelas de planta baixa que non son orixinais.

En canto ás actuacións interiores repararanse e  pintaranse as aulas, así como os falsos teitos e levarase a cabo a recolocación de diversas instalacións do interior, desde a instalación eléctrica á climatización (calefacción), pasando por equipos de son e proxección nalgúns casos. No caso dos espazos da planta baixa proponse a súa mellora acústica e lumínica.

Obras na comarca

A delegada da Xunta tamén lembrou que están en fase de licitación unha actuación no IES Alfonso X O Sabio de Cambre que suporá un investimento de máis de 363.000 euros para levar a cabo a cubrición da pista exterior. No concello de Oleiros actuarase en dous centros, no CEIP A Rabadeira cun investimento de 288.000€ para reformar o interior do comedor e da cociña co fin de contar cunhas instalacións máis funcionais e no IES Miraflores levarase a cabo unha actuación para ampliar catro novas aulas que contará cun orzamento de máis de 480.000 euros por parte de Xunta de Galicia para dar resposta ao incremento de alumnado neste centro. Todos estes investimentos suman case 3 millóns de euros.

Belén do Campo subliñou que todas estas obras se enmarcan no Plan de Nova Arquitectura, a folla de ruta da Xunta para a modernización dos centros dos centros adaptándoos as novas necesidades educativas. “Estes investimentos son un exemplo do compromiso da Xunta cunha educación pública de calidade que inclúe a mellora das instalacións coa fin de garantir que os escolares dispoñan duns espazos confortables, seguros e accesibles nos que desenvolver a súa aprendizaxe”, recalcou a delegada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/07/2024