A delegada da Xunta visitou a cooperativa Vitoga, referente na comarca de Santiago que foi beneficiaria destas subvencións

Belén do Campo anima ás cooperativas a solicitar as axudas para a adquisición de maquinaria en común que ascenden a máis de 4 millóns de euros

A representante do Goberno autonómico destacou que os principais obxectivos destas achegas son promover o uso da maquinaria en réxime asociativo e fomentar a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego, así como mellorar en seguridade e aforro enerxético

Puxo en valor a traxectoria das cooperativas da comarca de Santiago e a súa decidida aposta pola xestión eficiente dos recursos e pola innovación

Tordoia (A Coruña), 8 de xullo de 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Tordoia, Eduardo Antonio Pereiro, visitou hoxe a cooperativa Vitoba, da que forman parte 15 socios, para lembrar que o prazo de solicitude das axudas da Xunta para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en común estará aberto ata o vindeiro día 19 de xullo. Foi durante unha visita á cooperativa Vitoba en Tordoia comarca de Santiago,  que foi beneficiaria destas subvencións nas convocatorias do ano 2022 e 2023.

A delegada explicou que a convocatoria destas achegas publicouse recentemente no Diario Oficial de Galicia, concretamente o pasado día 19 deste mes de xuño, e que están dotadas con máis de 4 millóns de euros. Os seus obxectivos fundamentais son promover o uso da maquinaria en réxime asociativo e fomentar a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego. Tamén se persegue con elas racionalizar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e promover o aforro enerxético, na procura dunha mellora de calidade de vida no medio rural.

Estas subvencións van dirixidas a cooperativas e sociedades agrarias de transformación (SAT), que poderán financiar todo tipo de maquinaria de uso común, sempre que supoñan unha redución de custos de produción ou incrementen a súa produtividade. Tamén se consideran financiables os estudos técnico-económicos de viabilidade da operación. Ademais, estas axudas compleméntanse coas destinadas ás instalacións e equipamentos en común.

Axudas comarca Santiago

Nesta visita, a delegada  puxo en valor a traxectoria da cooperativas da comarca de Santiago, así como a súa decidida aposta pola xestión eficiente dos recursos e pola innovación. Neste senso, destacou que nesta área, o ano pasado, foron beneficiarios destas axudas 14 cooperativas dos concellos de Ames, Arzúa, A Baña, Frades, Negreira, Rois, Santa Comba, Tordoia, Touro e Trazo con apoios que ascenderon ata os 1,4 millóns de euros e un total de investimento mobilizado de máis de 3,7 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/07/2024