A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático presidiu a reunión da comisión de coordinación de sistemas de información xeográfica e cartografía

A Xunta salienta que Galicia se consolida como unha comunidade innovadora en materia de cartografía tras desenvolver preto de 90 actividades neste eido en 2023

Ángeles Vázquez subliña que estes datos supoñen unha información básica e necesaria para dar resposta a numerosas cuestións de xestión e planificación en materias vinculadas ao territorio, como o urbanismo, as infraestruturas ou a xestión ambiental

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2024

A Xunta salienta que Galicia se consolida como unha comunidade innovadora en materia de cartografía e información xeográfica tras desenvolver preto de 90 actividades en 2023 ao abeiro do Plan operativo anual desta materia, que contou cun orzamento de 6,7 millóns de euros.

Durante a reunión da comisión de coordinación de sistemas de información xeográfica e cartografía, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, subliñou que estes datos supoñen unha “información básica e necesaria” para dar resposta a numerosas cuestións de xestión e planificación en materias vinculadas ao territorio, como, por exemplo, o urbanismo, as infraestruturas ou a xestión ambiental. “O obxectivo é dispor dos mellores datos para que redunden nunha mellora dos servizos á disposición da cidadanía”, engadiu.

Máis polo miúdo, a conselleira salientou algunhas das actividades desenvolvidas en 2023 no marco do Plan operativo anual do Plan Galego de Cartografía e Información Xeográfica (PGCIX), como o mantemento e mellora do Xeoportal de Riscos de Protección Civil ou a creación dun visor xeográfico que permite a superposición e consulta conxunta de capas con diferentes orixes -predición, satélite, radar, estacións...-.

Ademais, tamén se levou a cabo a mellora da información cartográfica das infraestruturas de saneamento e depuración así como a creación dun visor de aforos, calidade e vertidos por parte de Augas de Galicia.

Cómpre lembrar que o PGCIX é o instrumento básico da planificación da produción cartográfica da Xunta e das entidades instrumentais do sector público autonómico así como do uso e difusión da información xeográfica necesaria para a xestión do territorio da Comunidade.

Nese senso, Ángeles Vázquez fixo fincapé na importancia da colaboración e información que os diferentes departamentos do Goberno autonómico ofrecen ao órgano de coordinación nesta materia, que é o Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, de cara a dotar á Comunidade dunha única base de datos con información nesta materia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/07/2024