A conselleira María Martínez Allegue visita a actuación na contorna do río Louro executada no Porriño ao abeiro do plan Hurbe

A intervención consistiu, entre outras na pavimentación do viario paralelo á vía férrea nun treito de 1,5 km coa delimitación dun carril bici direccional e unha zona de tránsito peonil

Os traballos tiveron un investimento de 401.000€, financiado nun 70% pola Xunta e no 30% restante polo Concello

A conselleira pon en valor o Plan Hurbe como “unha oportunidade real para dotar de equipamentos públicos e mellorar as contornas urbanas, con actuacións que se erixen en fundamentais para a dinamización social e cultural do territorio”

O Porriño (Pontevedra), 6 de xullo de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe xunto ao alcalde Alejandro Lorenzo, e o delegado territorial de Pontevedra, Agustín Reguera, a actuación de acondicionamento da contorna do paseo do río Louro que se desenvolveu ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta.

A través desta intervención, cun investimento de 401.000 euros, acometeuse o acondicionamento do viario asfaltado paralelo á vía férrea, nas proximidades do paseo do Louro nun treito de 1,5 quilómetros e incluíron a pavimentación do viario e a posterior sinalización horizontal para a delimitación de dúas zonas: un carril bici bidireccional de 2,6m de ancho e zonas de tránsito peonil, de 2m. A actuación completouse coa instalación do alumeado mediante columnas de 5 metros de altura e luminarias con sensores de presencia.

Os traballos foron financiados a través do convenio de colaboración asinado entre as administracións autonómica e local, no que a Xunta financiou o 70% da obra e o concello asumiu o 30% restante.

A conselleira convidou á veciñanza a desfrutar do novo espazo e destacou a actuación realizada, ao subliñar que intervencións como a realizada no Porriño melloran a calidade de vida de veciños e visitantes e “constitúen a culminación con éxito dun proxecto co que queremos poñer en valor esta contorna e esta vila”.

“Actuacións como esta representan á perfección o espírito de colaboración que defende a Xunta -sinalou Martínez Allegue-. O Plan Hurbe supón unha oportunidade real para dotar de equipamentos públicos e mellorar as contornas urbanas”. Neste senso, apuntou que con estas intervencións “estamos a crear as condicións propicias para o desenvolvemento sostible dos nosos concellos, a través de proxectos cos que estamos a recuperar espazos públicos e a subliñar a súa singularidade”.

Engadiu que este plan, co que a Xunta financiou nos últimos catro anos 86 proxectos en Galicia, cun investimento de 17,1 M€, supón “un pasiño máis da posta en valor das vilas, tanto as grandes como as pequenas, e dos núcleos rurais, que defendemos nas nosas políticas de urbanismo”.

Data de actualización: 06/07/2024