A Xunta destaca a innovación como ferramenta esencial coa que fortalecer o sector pesqueiro galego

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2024

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, asistiu ao acto de presentación do Informe de Tendencias no Sector Agroalimentario 2024 levado a cabo pola Fundación Europea para a Innovación e a Tecnoloxía (INTEC) en colaboración con outras institucións e entidades do sector. O evento supuxo a exposición pública dun documento que destaca polo seu enfoque dirixido á implementación de tecnoloxías avanzadas como a intelixencia artificial, o Big Data e a automatización. Ademais, serviu para fomentar o intercambio de experiencias e coñecementos entre os diversos actores do sector agroalimentario e o ecosistema de economía azul.

O director xeral sinalou que aspectos como a dixitalización, o desenvolvemento de sistemas de recollida de información e aplicacións prácticas deses datos son aspectos que na actualidade espertan especial interese para o sector pesqueiro. Nesta liña, subliñou que a innovación é hoxe unha ferramenta esencial para o fortalecemento da actividade pesqueira, sendo hoxe unha necesidade máis que un camiño opcional a tomar no futuro. Tamén puxo en valor o traballo realizado desde a Xunta neste ámbito en estreita colaboración co sector, os centros de investigación e as universidades co obxectivo de alcanzar unha maior competitividade e sustentabilidade da pesca galega.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 05/07/2024