A Xunta mostra o seu compromiso para desenvolver proxectos culturais en Lugo

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visitou a cidade para tratar asuntos da súa área, entre eles as iniciativas do Grupo Etnográfico Traxandaina, entidade que realiza accións en prol do coñecemento da vestimenta e tradición galegas

Lugo, 5 de xullo de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, mostrou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia para desenvolver proxectos culturais en Lugo. Fíxoo nunha visita á delegación territorial do Goberno galego, onde mantivo diversos encontros para tratar asuntos da súa área.

 

Na xornada, o responsable autonómico de Cultura, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, puido coñecer de primeira man diferentes proxectos, como o desenvolvido polo Grupo Etnográfico Traxandaina con quen explorou vías de colaboración para a creación do Museo da Vestimenta en Lugo, unha iniciativa que pretende dar a coñecer as prendas que forman parte da historia dos galegos e galegas.

 

No horizonte desta entidade sen ánimo de lucro que traballa en prol da investigación, conservación e difusión do coñecemento sobre a vestimenta e tradición galegas está recrear o bo facer de xeracións pasadas mantendo viva a tradición e compartindo esta sabedoría a través de varias accións como eventos, exposicións e actividades educativas. Neste senso, ademais da apertura deste espazo museístico, o grupo conta con iniciativas como o deseño dun espazo virtual sobre a riqueza etnográfica dos traxes galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2024