O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto coa directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, e o xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares Rico mantiveron hoxe unha xuntanza co alcalde, Benigno Gómez

A Consellería de Sanidade garántelle ao Concello de Cervantes a continuidade asistencial no consultorio de Doiras e o impulso do control de enfermería a domicilio

A Xunta e o municipio acordan colaborar na posta á disposición de servizos de transporte que permitan reforzar o seguimento domiciliario dos pacientes crónicos

A Consellería de Sanidade trasládalle ao concello que traballa na organización máis eficiente dos recursos humanos dispoñibles para garantir a asistencia sanitaria nun contexto xeneralizado de falta de profesionais

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2024

A Consellería de Sanidade garantiu hoxe a continuidade asistencial no consultorio de Doiras, no concello de Cervantes, así como un impulso do sistema de control de enfermería a domicilio.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto coa directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, e o xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares Rico mantiveron hoxe unha xuntanza co alcalde, Benigno Gómez.

 

No encontro, os representantes da Consellería de Sanidade informaron ao alcalde de que a intención do Servizo Galego de Saúde e manter a asistencia sanitaria no consultorio de Doiras, a través dunha organización óptima dos recursos humanos dispoñibles que permita garantir a cobertura logo de quedar vacante a praza do médico.

 

No marco do plan de verán, os 238 veciños de Doiras teñen garantida a asistencia a través dos equipos centralizados no centro de saúde de Cervantes, no núcleo do municipio.

 

Ademais, está previsto iniciar en setembro a posta en marcha do programa Ariadna para o seguimento domiciliario dos pacientes crónicos. Neste sentido, a Consellería de Sanidade e o Concello de Cervantes acordaron colaborar na posta á disposición do servizo de enfermería medios de transporte que faciliten ese seguimento domiciliario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2024