A Xunta reclama ao Ministerio de Agricultura a mellora do sistema de seguros agrarios para incrementar as subvencións nas pólizas galegas

Así o trasladou hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, na Comisión 7ª do Parlamento

O director xeral sinalou que no 2023 subvencionouse case un 40% o conxunto das pólizas españolas, unha porcentaxe que en Galicia baixou ata o 29,88%

Ademais, destacou que a Consellería do Medio Rural segue a traballar para favorecer a contratación destes seguros cun investimento de máis de 50 millóns de euros nos últimos sete anos, cun orzamento que se duplicou do 2017 a este 2024

Na Comisión tamén participaron o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2024

A Consellería do Medio Rural insistirá na reclamación ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para que mellore o sistema de seguros agrarios en España, de xeito que a porcentaxe subvencionada nas pólizas galegas se incremente e, ao mesmo tempo, facer máis atractivo o aseguramento no sector. Así o trasladou hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, en resposta a unha pregunta sobre este asunto na Comisión 7ª do Parlamento.

Durante a súa intervención, Balseiros sinalou que no 2023 subvencionouse case un 40% o conxunto das pólizas españolas, unha porcentaxe que en Galicia baixou ata o 29,88%. Isto, explicou, débese a que as pólizas gandeiras máis demandadas na nosa comunidade contan cunha porcentaxe de subvención inferior, fronte a outras comunidades que contan cun maior equilibrio entre os seguros agrícolas e gandeiros.

José Balseiros sinalou que a Entidade Nacional de Seguros Agrarios (Enesa) está a incrementar os prezos das pólizas, especialmente no ano pasado, o que repercute directamente nos agricultores e gandeiros. 

Desde a Consellería do Medio Rural, afirmou, estase a traballar para procurar un maior aseguramento no sector agrícola, tendo en conta especialmente as consecuencias do cambio climático e a maior incidencia dos efectos climatolóxicos adversos sobre os cultivos. Por iso, destacou, a Xunta conta con axudas para incentivar a contratación destes seguros cun investimento de máis de 50 millóns de euros desde o 2017, duplicando neste 2024 a axuda dese ano, o que permitiu o aumento sostido da superficie, dos animais e do capital asegurado.

Prezo do leite

Pola súa banda, o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, tamén deu resposta a outra pregunta da Comisión 7ª sobre o sector lácteo, no que Galicia é un referente nacional. Nela trasladou a reclamación que se fixo á Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) para manter os prezo do leite nos niveis actuais, co fin de favorecer a estabilidade e sustentabilidade do sector, e que se reduza o diferencial dos prezos con respecto a outras comunidades, tendo en conta a excelente calidade e as condicións hixiénico-sanitario do leite galego. Ademais, sinalou a esixencia ao Ministerio de Agricultura para que controle que se respecte e se cumpra coa Lei da cadea alimentaria en todas as comunidades autónomas por igual. 

Ao mesmo tempo, destacou que a Consellería está a traballar para que os gandeiros galegos perciban un prezo axeitado polo seu leite, que lles permita cubrir os seus custos e acadar unha marxe de beneficio. Nesta liña destacou dúas ferramentas que están a disposición do sector e da Administración que son a Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria e o chamado Paquete Lácteo, polo que se establecen as condicións de contratación no sector lácteo e se regula o recoñecemento das organizacións de produtores.

Estas dúas ferramentas, explicou Juan José Cerviño, favorecen a trazabilidade e transferencia nas transaccións comerciais no sector lácteo, a través da formalización obrigatoria de contratos e facultaron ás administracións públicas para exercer a vixilancia e control destas transaccións.

Por último, quixo resaltar que Medio Rural seguirá fomentando a constitución de organización de produtores lácteos, nas que poden agruparse para negociar os prezos. Sobre isto, apuntou que é un fito e unha vantaxe coa que non contan outros eidos produtivos e por iso se debe explotar. 

Protocolos nos distritos forestais

En resposta a outra pregunta desta Comisión 7ª, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, explicou que o “Protocolo de actuación nas brigadas do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais en ausencia do/a bombeiro/a Xefe/a de brigada” distribuíuse a través dunha circular aos centros de coordinación provinciais e distritos forestais no pasado verán.

Recalcou que aos distritos forestais remitíuselle no seu momento un  diagrama de fluxos para a toma de decisións en caso de ausencia do xefe de brigada, que está recollido de forma explícita, polo que dispoñen dunha guía para unha axeitada organización neste senso salvagardando a prestación do servizo público e garantindo a seguridade e saúde do persoal.

O director xeral de Defensa do Monte tamén resaltou o compromiso da consellería do Medio Rural coa prevención de incendios forestal, así como coa formación continua e o adestramento do persoal da Xunta que integra o SPIF para seguir mellorando a súa capacidade de actuación adaptadas aos cambios.

Data de actualización: 05/07/2024