A Xunta promove unha alianza estratéxica entre a sociedade civil e administracións europeas para reforzar a colaboración internacional no Camiño

O director de Turismo de Galicia preside o acto de firma de acordo entre a federación de asociacións xacobeas Europa Compostela e a Federación Europea do Camiño de Santiago que preside o Goberno autonómico este ano

Salienta a necesidade de “corresponsabilización na xestión” do principal itinerario cultural europeo

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, fixo un chamamento hoxe á creación dunha gran alianza entre Administracións públicas e sociedade civil para reforzar o papel do Camiño de Santiago “ambiental, social e economicamente sostible” á vez inclusivo e motor de desenvolvemento socio-económico no medio rural galego, converténdoo así “nun escaparate de Europa aberto ao mundo”.

Así o fixo no acto de sinatura do acordo de colaboración entre as Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e as Federacións Xacobeas Europeas. O director de Turismo de Galicia referiuse ao convenio ratificado este venres como un exemplo de “corresponsabilización na xestión do principal itinerario cultural europeo”, do que se se deduce que “o espírito de recuperación contemporánea do Camiño de Santiago segue vivo”.

“Hoxe asistimos –engadiu- a unha colaboración que permitirá protexer o patrimonio tanxible e intanxible desta xoia patrimonial europea”. Ademais, Xosé Merelles subliñou que este acordo mellorará a acollida e a hospitalidade que se proporciona ao peregrino, “suxeito esencial que mantivo o Camiño como representación do patrimonio vivo de Europa”.

Produto non ao uso

Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia animou a xestionar este roteiro cun modelo de xestión específico que preserve os valores xacobeos semellante ao que xa se aplica en Galicia, onde –indicou- se poñen en valor todos os itinerarios xacobeos con instrumentos coma o Plan Director dos Camiños de Santiago con máis de 140M€, que xa ten o seu horizonte posto no Santo 2027.

Xosé Merelles lembrou ademais que o camiño é percorrido por peregrinos de máis de 180 nacionalidades que culminan a súa ruta en Santiago de Compostela e que este itinerario é unha clara mostra dos valores que representa o Consello de Europa: Liberdade, democracia, estado de dereito e cooperación”.

Finalmente, destacou ademais que esta semana foi especialmente proveitosa e “histórica” para o futuro do camiño xa que se constituíu a Federación Europea de Asociacións de Amigos do Camiño: Camiño Europa Compostela; se renovou a certificación do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural europeo e se asinou o acordo entre Administracións públicas e sociedade civil.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2024