O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou en Nigrán no acto en conmemoración do Día do Cooperativismo Galego 2024

José González apela ao diálogo social e á unidade para avanzar no cooperativismo e na economía social co foco posto na dinamización do rural

O titular de Emprego felicitou ás iniciativas premiadas no Certame Cooperativismo no Ensino e nos Premios á Cooperación 2024

Puxo en valor a importancia do proceso de escoita activa cos axentes da economía social para o deseño da nova Lei de cooperativas

Salientou que a Estratexia da economía social é unha planificación con horizonte 2027 con máis de 174 millóns de euros para seguir atraendo talento e mellorando a competitividade do tecido empresarial galego

Nigrán (Pontevedra), 6 de xullo de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe en Nigrán no acto en conmemoración do Día do Cooperativismo Galego 2024, no que se recoñeceron as iniciativas premiadas no Certame Cooperativismo no Ensino e nos Premios á Cooperación 2024. Alí o titular de Emprego felicitou aos premiados e defendeu a importancia do diálogo social e a unidade entre a Administración e os distintos axentes sociais e económicos para avanzar en ámbitos como o cooperativismo e a economía social co foco posto na dinamización do rural.

Nesta liña, puxo en valor a importancia do proceso de escoita activa cos axentes da economía social para o deseño da nova Lei de cooperativas co fin de adaptala aos novos tempos, cuestión na que o Goberno galego está reforzando o proceso de participación con todos os axentes implicados.

Salientou ademais que o diálogo sempre é un aliado e que serviu para elaborar a segunda Estratexia da economía social que se está a executar na actualidade coa aspiración de xerar 4.000 empregos e posicionar este modelo nos sectores tecnolóxico, verde e industrial.

Esta estratexia, explicou, é unha planificación con horizonte 2027 con máis de 174 millóns de euros presupostados para seguir atraendo talento a Galicia e seguir mellorando a competitividade do noso tecido empresarial, así como a economía dos coidados para o rural galego. Con ela, engadiu, a Xunta busca xerar emprego na economía social e emprego cada vez máis innovador e que a mocidade e as mulleres teñan maior presenza na economía social.

Ademais, o conselleiro subliñou que o Goberno galego acompaña esta estratexia cun reforzo no investimento neste ámbito co obxectivo de que o cooperativismo e a economía social sigan sendo modelos de emprendemento de éxito en Galicia. Tamén mencionou os programas de apoio económico, de asesoramento e acompañamento, de formación e a realización de actividades divulgativas que desenvolve a Xunta a través da Rede Eusumo.

 

Modelo de éxito

A maiores, José González destacou a importancia e modelo de éxito das cooperativas en Galicia, que resistiu nas últimas crises e na pandemia e que, ademais, continúa medrando cunhas 138 novas cooperativas a peche de 2023. Trátase dun sector que o ano pasado facturou case 3.000 millóns de euros, o que representa un 4,5% do PIB galego e lembrou que 21 cooperativas galegas están entre as 600 máis relevantes do Estado

Neste sentido, manifestou que este é o camiño a seguir co fin de favorecer a cohesión social e do territorio, coa mirada posta nas persoas e baseándose na xeración dun emprego inclusivo, igualitario e solidario.

Para iso, insistiu, é clave ir todos da man, agrupados e coordinados, para chegar ao entendemento e acadar as mellores solucións. Ademais, aproveitou a ocasión para dar as grazas ao Colexio Ángel de la Guarda e á Sociedade Cooperativa Galega La Mendoña, por abrir as súas portas para poder celebrar o Día do Cooperativismo en Nigrán. Tamén a todos os participantes no Certame Cooperativismo no Ensino e nos Premios á Cooperación 2024, así como aos arredor de 200 asistentes ao evento e ás persoas e entidades do Consello Galego de Cooperativas, polo seu importante labor para promover, apoiar e dar visibilidade ao cooperativismo en Galicia.

Día do Cooperativismo

O Día do Cooperativismo Galego, organizado pola Xunta e polo Consello Galego de Cooperativas, celébrase o primeiro sábado do mes de xullo coincidindo co Día Internacional do Cooperativismo. Nesta ocasión, este evento desenvólvese no concello pontevedrés de Nigrán baixo o lema As cooperativas constrúen un futuro mellor para todas as persoas. Trátase da 8.ª edición da celebración deste día en Galicia desde a súa orixe en 2016.

O acto tamén contou coa presenza do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández; da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, e do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera. Os premios entregados son, o da modalidade proxectos empresariais cooperativos do certame Cooperativismo no Ensino, que foi para IES Fernando Wirtz Suárez polo proxecto Arroutada, Sociedade Cooperativa Galega, e o áccesit neste ámbito, que obtivo a Sociedade Cooperativa Galega Mendiño coa iniciativa SailingDog.  

Os Premios á Cooperación 2024 foron para Consumo Consciente Árbore, co galardón aos valores cooperativos; A Morada Nosa, co recoñecemento ao mellor proxecto cooperativo novo; e A Carqueixa, co premio á traxectoria cooperativa.

 

Data de actualización: 06/07/2024