Villares enxalza a calidade e sabor dos produtos do mar galegos na nova edición da Festa do Percebe do Roncudo de Corme

Ponteceso (A Coruña), 6 de xullo de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asistiu a nova edición da Festa do Percebe do Roncudo de Corme, no concello coruñés de Ponteceso, onde enxalzou a calidade e sabor dos produtos do mar galegos este os que ocupa un lugar destacado esta especie. Ademais, o responsable autonómico, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, puxo en valor a ampla traxectoria desta cita gastronómica, recoñecida de Interese Turístico Galego, que cumpre a súa trixésimo segunda edición coa vista posta en acadar proximamente a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional. Tamén resaltou o importante papel que xogan este tipo de eventos na promoción dos produtos pesqueiros entre a cidadanía incentivando o seu consumo e a difusión das súas propiedades culinarias e nutricionais.

A carpa central instalada no peirao será o epicentro desta festa que está estreitamente ligada á localidade e a súa cultura xa que este crustáceo é un dos principais atractivos turísticos de Corme. Por iso, ademais das degustacións de ao redor de 800 quilos de produto, tamén hai programadas actividades culturais e divulgativas entorno á figura do percebeiro, engadindo á manifestación culinaria as tradicións e os coñecementos que viran ao redor dun oficio único con exposicións fotográficas, obradoiros para os máis pequenos e charangas.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 06/07/2024