López Campos anima a participar na Rapa das bestas, unha das festas galegas “con maior valor cultural”

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, asiste a esta nova edición que se celebra na parroquia estradense de Sabucedo tras a publicación no Diario Oficial de Galicia da incoación como Ben de Interese Cultural na categoría de inmaterial

Asegura que “non hai mellor demostración da importancia desta tradición que estar aquí e vivila”

A Estrada (Pontevedra), 6 de xullo de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na celebración da Rapa das Bestas de Sabucedo, no concello pontevedrés da Estrada, que comezou os seus festexos só dous días despois de o Diario Oficial de Galicia publicara a incoación para declarar a festa Ben de Interese Cultural na categoría de patrimonio inmaterial.

En plena celebración, o conselleiro López Campos explicou que o trámite iniciado ao redor desta festa “supón a salvagarda dunha manifestación cultural que conta cun valor senlleiro e cuxos valores son transmitidos de xeración en xeración”. Neste senso, o titular de Cultura da Xunta de Galicia sinalou que “non hai mellor demostración da importancia desta tradición sobranceira que estar aquí e vivila”.

Así, representante da Administración autonómica, manifestou a gran repercusión que ten a Rapa das Bestas a moi diferentes niveis, “tanto cultural, coa oportunidade de coñecer directamente unha actividade que comezaron os nosos antepasados, como económico, turístico e social”. Ademais disto, referiuse ao “coidado que se lles presta aos cabalos con todas as accións necesarias que van máis alá de baixalos ao curro e ceibalos de novo, traballo que temos que agradecer á Asociación da Rapa ”.

Neste senso, López Campos referiuse  á “manifestación inmaterial máis clara que existe en Galicia da relación ancestral entre uns animais e os seres humanos” e que foi a celebración da rapa o que permitiu que esta “emblemática especie silvestre, fundamental para a conservación dos ecosistemas de media montaña en Galicia, sobrevivise ao longo dos séculos”.

Tradición e atractivo turístico

A Rapa das Bestas de Sabucedo é unha tradición de séculos pasados que se mantén a día de hoxe conxugando o seu espírito e os seus valores orixinais coa evolución en canto a coidado dos animais e do medio ambiente. Supón un gran atractivo turístico internacional pola súa singularidade, sendo a parte do curro, onde confrontan técnica e forza os aloitadores e os cabalos, a que esperta máis interese pola súa espectacularidade. Ademais, a programación, que se estende a varios días, abrangue dende hai anos varias actividades paralelas, destacando as propostas musicais.

Data de actualización: 06/07/2024