A Xunta recibe sete ofertas para executar a conexión da ponte internacional coa estrada autonómica PO-510, en Salvaterra de Miño

A actuación, que conta cun investimento de máis de 424.000 euros, céntrase no acondicionamento de algo máis de 350 metros de lonxitude do treito que vai da rúa Rosalía de Castro ata a rúa Fontoura

O obxectivo da Xunta é iniciar os traballos despois do verán, cun prazo de execución de seis meses

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ven de recibir sete ofertas para executar as obras de conexión da ponte internacional coa PO-510, en Salvaterra de Miño, licitadas por 424.313€.

A intervención céntrase no acondicionamento dun treito final de algo máis de 350 metros de lonxitude, concretamente, no treito que vai da rúa Rosalía de Castro ata a rúa Fontoura.

Esta actuación permitirá levar a cabo unha mellora das beirarrúas, a rede de saneamento e o alumeado público.

A intención da Xunta é comezar as obras despois do verán, co obxectivo de non entorpecer o tráfico nos accesos de ida e volta na ponte. As obras terán un prazo de execución de seis meses.

No detalle, a actuación leva aparellada a pavimentación dos viarios, cunha mellora do firme que inclúe unha capa de regularización; e a construción das beirarrúas, unificando os seus anchos e mellorando e unificando o deseño dos accesos aos garaxes.

Tamén se levará a cabo a construción de sumidoiros e rede de alumeado, así como a sinalización horizontal da estrada.

O departamento que dirixe María Martínez Allegue continúa traballado para dispoñer de estradas e rúas máis seguras, accesibles e funcionais neste municipio e así avanzar na ordenación da rede viaria autonómica, que ten a singularidade de canalizar a conexión con Portugal.

Data de actualización: 06/07/2024