As obras de renovación do pavimento e da iluminación da Ponte Esperela, en Leiro, obrigan a cortar o tráfico na estrada OU-209 a partir deste luns

Para executar esta intervención será necesario o corte da circulación no tramo da OU-209 entre os puntos quilométricos 3+820 e 3+990

Para facilitar a mobilidade nesta zona, habilitarase un itinerario alternativo para os vehículos que necesiten cruzar o río Avia

As actuacións, cun orzamento de 370.000 euros, inclúen a mellora do firme nesta contorna, así como a dotación dunha nova iluminación

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2024

As obras de renovación do pavimento e da instalación dunha nova iluminación na Ponte Esperela, en Leiro, obrigan a cortar o tráfico na estrada OU-209 a partir deste luns.

A execución desta intervención precisa a ocupación total da anchura do treito obxecto das obras. Neste sentido, considérase necesario o corte da circulación pola OU-209 no tramo entre os puntos quilométricos 3+820 e 3+990.

Este corte terá lugar durante a execución dos traballos, ao longo dos vindeiros 3 meses aproximadamente.

Para facilitar a mobilidade nesta zona, habilitarase un itinerario alternativo para os vehículos que necesiten cruzar o río Avia. Así, en lugar de empregar a Ponte Esperela situada á altura do punto 3+900 da OU-209, os condutores deberán utilizar a ponte á altura do punto 0+140.

Os vehículos que circulen pola estrada OU-504 deberán xirar á esquerda se circulan cara a Cea ou á dereita se van cara a Ribadavia, na intersección coa estrada OU-209 situada á altura do punto 6+700, tomando a OU-209 para cruzar o río Avia.

Os coches que circulen pola estrada OU-209 cara á Ponte Esperela con obxecto de cruzar o río Avia deberán efectuar un cambio de sentido para dirixirse cara a intersección coa estrada OU-504, cruzando a ponte situada á altura do punto 0+140 aproximadamente da mesma estrada OU-209.

Actuacións

As actuacións, cun orzamento de 370.000 euros, inclúen o fresado do aglomerado da calzada e posterior escavación das gabias lonxitudinais e transversais para afastar as canalizacións do subministro eléctrico e das arquetas. As gabias reporanse con formigón armado que sirva de base para o aglomerado en quente final que se acometerá na estrada.

Tamén se dotará esta contorna de alumeado público. Neste caso, a empresa deberá, primeiramente, proceder á execución da acometida e colocación dun cadro de mando nun poste de formigón da rede existente e despois levará a cabo a execución das gabias para as canalizacións. Os tubos irán protexidos con formigón onde haxa tráfico rodado e executarase a subministración aos báculos cos proxectores para a iluminación da estrada na marxe dereita do río e dos alzados e os bañadores de parede do muro de acompañamento.

Data de actualización: 06/07/2024