O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto co xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada Jorgal, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto, mantivo hoxe unha xuntanza coa Mesa Local da Saúde de Moaña

A consellería de Sanidade solicita a colaboración da alcaldesa de Moaña no impulso do Centro Integral de Saúde do Morrazo para optimizar a asistencia na comarca

O conselleiro de Sanidade lembra que é preciso que o Concello de Cangas desbloquee a situación e ceda os terreos para poder iniciar os trámites para a execución dun novo centro sanitario de vangarda de referencia no Morrazo

Traslada que o Servizo Galego de Saúde garante unha asistencia sanitaria de calidade ao conxunto dos veciños mediante a organización máis eficiente dos recursos nun contexto xeneralizado de falta de médicos

A construción do CIS permitirá centralizar a asistencia de urxencias nunha zona próxima ao límite entre os dous municipios

A Xunta está a realizar un investimento de case 9 M€ na mellora da sanidade pública do Morrazo mediante a construción dun novo centro de saúde e a reforma do de Domaio

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2024

A Consellería de Sanidade solicitou hoxe a colaboración da alcaldesa de Moaña no impulso do Centro Integral de Saúde do Morrazo, que permitirá optimizar a asistencia sanitaria na comarca.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto co xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada Jorgal, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto, mantivo hoxe unha xuntanza coa Mesa Local da Saúde de Moaña, encabezada pola alcaldesa da localidade, Leticia Santos.

No encontro, a Consellería de Sanidade trasladou que, nun contexto xeneralizado de falta de médicos, o Servizo Galego de Saúde organiza os recursos humanos dispoñibles da forma máis eficiente para garantir a asistencia sanitaria do conxunto da poboación.

A ese respecto, lembrouse que a Xunta ten o compromiso de construír un Centro Integral de Saúde do Morrazo, que permitirá dotar a comarca dun equipamento sanitario de referencia que se sitúe á vangarda asistencial.

A súa execución permitirá centralizar nunha zona próxima ao límite entre os municipios de Cangas e Moaña o servizo de urxencias coa dotación completa de persoal.

Lembrouse que ese proxecto está bloqueado desde hai tempo porque o Concello de Cangas non cede os terreos dispoñibles para poder materializalo. Por ese motivo, solicitouse a intermediación da alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, no obxectivo de consecución dos terreos para iniciar o antes posible a tramitación para a execución dese Centro Integral de Saúde.

Desde 2018, o Servizo Galego de Saúde ten cualificada como prioritaria esta edificación no seu informe Estudo de Necesidades Sanitarias para Cangas e Moaña, así, ten previsto un investimento de 6,8 millóns de euros para esta obra. 

A nova infraestrutura, ademais de ampliar significativamente a súa superficie, posibilitará ampliar a carteira de servizos ao incluírse no seu plan funcional unha nova área de radioloxía dixital, laboratorios, área de telemedicina, servizo de odontoloxía e saúde bucodental, área de atención a muller, servizo de farmacia, saúde mental, asistencia domiciliaria,  así como espazos específicos destinados á formación, a docencia e as Asociacións de pacientes.

A Xunta está a realizar un investimento de case 9 M€ na mellora da sanidade pública do Morrazo mediante a construción dun novo centro de saúde e a reforma do de Domaio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2024