A Consellería de Sanidade e a Universidade de Vigo colaboran nesta xornada encadrada nas actividades de formación e información da Dirección Xeral de Saúde Pública sobre o mosquito tigre

A Escola Galega de Saúde Pública forma persoal dos concellos da provincia de Pontevedra na prevención e control do mosquito tigre

Os concellos de Mos, Vilaboa, Sanxenxo, Marín, Vigo, O Porriño, Cangas, Soutomaior e Nigrán participaron nunha xornada formativa sobre a colocación e recollida de mostras desta especie

Un equipo conformado por biólogos, veterinarios e entomólogos trasladaron as ferramentas necesarias para realizar a vixilancia  do mosquito tigre

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2024

A Escola Galega de Saúde Publica vén de impartir unha xornada formativa a persoal dos concellos da provincia de Pontevedra que colaboran coa Rede Galega de Vixilancia de Vectores, REGAVIVEC, co obxectivo de capacitar ao seu persoal nas tarefas de colocación de trampas e na recollida de mostras do mosquito tigre.

O Auditorio Xunqueira de Redondela acolleu un obradoiro no que veterinarios e biólogos da Consellería de Sanidade, xunto cun equipo de entomólogos da Universidade de Vigo, trasladaron os coñecementos e os materiais precisos para levar a cabo a vixilancia (captura, manexo e traslado ao laboratorio das Universidades de Vigo ou Santiago) dos exemplares de mosquito tigre que detecten nas súas localidades.

Un total de 9 concellos -Mos, Vilaboa, Sanxenxo, Marín, Vigo, O Porriño, Cangas, Soutomaior e Nigrán- participaron nun curso formativo no que se abordan desde o ciclo biolóxico da especie Aedes Albopictus, ata as principais medidas de vixilancia e prevención, co obxectivo de que os participantes poidan elaborar os seus propios programas de xestión municipal.

A Rede Galega de Vixilancia de Vectores, REGAVIVEC, reforzará a vixilancia desta especie nos concellos nos que durante o pasado ano se detectaron exemplares de mosquito tigre. Así, estenderá este control aos municipios lindeiros, co fin de determinar a súa extensión. Por este motivo, durante a curso desta mañá, ademais da formación, tamén se lle fixo entrega de material aos concellos asistentes para realizar o trampeo de vixilancia do mosquito tigre nestas zonas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2024