A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e o de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, reuníronse con representantes de Afammer, Femupo, Femuro e Fademur

A Xunta destaca o traballo pola igualdade que levan a cabo as entidades de mulleres rurais de Galicia

A través do Plan Corresponsables apóianse programas de conciliación e corresponsablidade que levan a cabo estas entidades

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia puxo en valor o traballo que realizan na promoción da igualdade as entidades de mulleres rurais. A directora xeral de Promoción da igualdade e o de Loita contra a Violencia de Xénero, María Quintiana e Roberto Barba, respectivamente, reuníronse esta semana con representantes da Federación de mulleres do rural da provincia de Lugo (Afammer), a Federación de Mulleres pola Igualdade da provincia de Pontevedra (Femupo), a Federación provincial de mulleres rurais de Ourense (Femuro) e a Federación de asociacións de mulleres rurais de Galicia (Fademur).

 

No encontro avaliouse a situación e as necesidades das mulleres rurais e estudouse a posibilidade de abrir novas liñas de colaboración. O Goberno galego, a través do Plan Corresponsables, achega 100.000 euros a cada unha destas entidades para que desenvolvan programas de conciliación e corresponsabilidade.

 

Ademais, para impulsar a creación de redes de sororidade entre mulleres  e fomentar o asociacionismo feminino, a Consellería de Política Social e Igualdade conta con dúas liñas de axuda por valor de 300.000 euros. Unha delas está destinada á consolidación do movemento asociativo e a outra a apoiar accións de promoción da igualdade, prevención da violencia de xénero e de acompañamento ás vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e mulleres en situación de vulnerabilidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/07/2024