O Gaiás recibe pezas arqueolóxicas únicas chegadas de Suecia, Dinamarca e Francia para inaugurar o venres unha das maiores exposicións sobre cultura viquinga

‘Unha vida viquinga’ achega unha visión máis rica sobre esta cultura, cuestionando o clixé que os reduce a bárbaros violentos

A mostra aborda, a partir de evidencias actuais, aspectos novidosos como a participación das mulleres xunto aos homes nas campañas militares e a mestura deste pobo con culturas de puntos tan distantes como o sur de Europa e o norte de África

A exposición, que se poderá visitar desde a tarde do venres 12 de xullo e está encadrada na programación do ‘CulturON’, explora as incursións viquingas en Galicia

Comisariada pola doutora Irene García Losquiño, conta coa colaboración dalgunhas das autoridades internacionais máis respectadas neste campo

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia inaugurará este venres 12 de xullo unha das maiores exposicións sobre cultura viquinga organizadas en España nas últimas décadas e que se encadra no marco da programación de verán do Goberno galego, o CulturON. A Cidade da Cultura está a recibir estes días ao persoal técnico que acompaña a viaxe de pezas arqueolóxicas únicas prestadas por ata 13 institucións e coleccións cedentes de obra, entre eles museos nacionais de Historia e Arqueoloxía de Suecia, Dinamarca, Francia e España.

Co título Unha vida viquinga, a exposición artella un relato máis rico e diverso sobre esta fascinante cultura escandinava. Así, apoiándose nas investigacións históricas máis recentes, cuestiona estereotipos que rodean este pobo, ampliando a imaxe que os presenta como bárbaros violentos. A través dun enfoque narrativo novidoso, explora aspectos como a participación das mulleres e, non só dos homes, nas campañas guerreiras ou a mestura con pobos de puntos tan dispares como o norte de África ou o sur de Europa, entre outros.

A exposición, que o público poderá visitar no Museo Gaiás a partir da tarde do venres 12 de xullo, está comisariada pola doutora Irene García Losquiño, investigadora da Universidade de Santiago e unha das maiores especialistas de España en cultura viquinga. Xunto a ela, o proxecto vén avalado por un comité científico internacional con algunhas das autoridades máis respectadas neste campo, como o catedrático de Arqueoloxía da Universidade de Uppsala, Neil Price; a tamén profesora da Universidade de Uppsala, Charlotte Hendenstierna-Jonson; ou a catedrática de Arqueoloxía Medieval da University of Highlands and Islands, Alexandra Sanmark.

Viquingos en Galicia

Unha vida viquinga achégase tamén ás incursións escandinavas en Galicia entre os séculos IX e XII, afondando no seu impacto na nosa historia e amosando pezas que axudarán a entender como esta civilización se espallou polo continente europeo, e máis alá das súas fronteiras, e deixou tamén a súa pegada en Galicia, en forma vestixios no noso patrimonio material e inmaterial, por exemplo en zonas como a ría de Arousa, a ribeira do Ulla ou a Mariña lucense.

Unha vida viquinga poderá visitarse, con entrada libre e de balde, ata xaneiro de 2025 no Museo Centro Gaiás. Precisamente, ata o domingo 4 de agosto coincidirá con outra exposición histórica que esta a ter unha excepcional resposta de público Tesouros reais. Obras mestas do Terra Sancta Museum.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2024