Belén do Campo destaca o esforzo da Xunta para reducir a sinistralidade nas estradas autonómicas na Comisión Provincial de Tráfico e Seguridade Viaria

A delegada da Xunta na Coruña e a delegada de Ferrol participaron neste encontro para mellorar o tráfico, a seguridade viaria e a mobilidade sostible, así como promover acordos entre as distintas administracións públicas e entidades que desenvolven actividades nos devanditos ámbitos

A Coruña, 5 de xullo de 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiron á Comisión Provincial de Tráfico e Seguridade Viaria na que se sentaron as bases para seguir mellorando o tráfico, a seguridade viaria e a mobilidade sostible, así como promover acordos entre as distintas administracións públicas e entidades que desenvolven actividades nos devanditos ámbitos

No encontro a delegada da Xunta puxo en valor o esforzo do Goberno galego para reducir a sinistralidade nas estrada galegas. Neste senso, apuntou que “continúa sendo preocupante a relaxación dos usuarios das estradas en relación ao cumprimento de normas que se consideran como básicas como o cinto de seguridade, o consumo de drogas ou alcohol e o uso dos teléfonos móbiles”.

En canto ao traballo do Goberno galego neste eido, a delegada da Coruña lembrou que o 28 de abril de 2022 o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan de seguridade viaria de Galicia 2022-2025, un documento que recolle as accións a desenvolver durante o período 2022 a 2025 que repercutan nunha mellora da seguridade viaria en Galicia.

A representante do Goberno autonómico destacou que este plan establece 10 grandes retos para o período 2022-2025, onde se clasifican as 58 accións que se levan a cabo, co impulso das Consellerías da Xunta de Galicia e a colaboración doutras entidades e axentes sociais. Estes retos buscan a redución de accidentes e das súas consecuencias desenvolvendo accións dirixidas aos usuarios vulnerables (peóns, ciclistas, motoristas), á mellora de actitudes, á eliminación dos treitos de concentración de accidentes, á prevención dos accidentes máis graves e á mellora da asistencia ás vítimas.

A delegada tamén subliñou o esforzo da Xunta para mellorar a seguridade viaria en todos os treitos de concentración de accidentes (TCAs) das estradas galegas. Coas obras executadas e licitadas da estratexia de eliminación de TCAs reformáronse 119 interseccións viarias en estradas autonómicas, incluíndo 24 novas rotondas, e melloráronse 138 pasos de peóns en accesibilidade e seguridade.

Nesta liña informou que a lonxitude dos treitos de concentración de accidentes descendeu significativamente, ocupando 39,4 Km en 2022, fronte aos 87,7 quilómetros que supoñían en 2016, reducíndose en máis de 48 km de TCAs na rede autonómica de estradas. En canto a accidentalidade, que é o máis importante, no ano 2023 o descenso do número de accidentes con vítimas nos TCAs identificados con respecto ao 2016 foi do 59,1%, o que da unha idea da eficacia das actuacións.

Reforzos de firme

Belén do Campo lembrou que a Xunta destina, este ano, un 8% máis de investimento á conservación e mellora da rede viaria autonómica,.  Nesta liña, apuntou que a Xunta está  continuar a intensa campaña de reforzo de firmes nas estradas autonómicas que se está levando a cabo nos últimos anos, nos que a Xunta leva licitado obras en materia de reforzos de firme que superan os 115 millóns de euros.

No 2023 licitáronse 20,6 M€ de obras específicas con este obxecto, que ascenden a 26,5 M€ sumando o investido na rehabilitación de firme da Autovía Santiago - Brión. En 2024 auméntase o esforzo, e no que vai de ano a Xunta de Galicia licitou traballos de mellora do firme nos viarios de Galicia por un importe de 28 millóns de euros, correspondendo máis de 10 millóns de euros á provincia da Coruña.

Belén do Campo destacou que a seguridade viaria é unha prioridade absoluta para o Goberno galego, posto que se trata da integridade e a vida das persoas e non hai nada por riba diso. Por isto, a Xunta de Galicia reserva nos Orzamentos cada ano partidas orzamentarias específicas para a mellora da seguridade viaria, tanto coa execución de obras como con medidas de sensibilización e con partidas especificas para usuarios vulnerables como sendas peonís e ciclistas ou para as actuacións referidas aos Camiños de Santiago.

A representante do Goberno galego referiuse tamén a outras actuacións da Xunta como a mellora da seguridade viaria nos Camiños de Santiago, redución da sinistralidade con atropelo de animais, reparto de elementos reflectantes,  o plan de sendas de Galicia, cursos de condución segura, mellora da seguridade viaria nos centros escolares ou a mellora da accesibilidade e da seguridade nas paradas de autobús, como liñas estratéxicas do Goberno galego neste ámbito.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2024