O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, visitaron esta mañá os concellos

O Goberno galego financiará as obras dun novo centro de día en Ramirás e a mellora da residencia da Bola

Destinaranse máis de 500.000 a estas dúas actuacións que forman parte do Plan de Investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais de titularidade municipal

Ramirás e A Bola (Ourense), 5 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia reforzará os servizos destinados á atención das persoas maiores en Ramirás e A Bola, para o que financiará a construción dun centro de día municipal na primeira localidade e, na segunda, a mellora da residencia do concello. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, explicaron hoxe estas dúas actuacións, que forman parte do Plan de Investimentos do Goberno galego para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais que dependen das Administracións locais.

No caso de Ramirás, a Xunta destinará 432.000 euros a sufragar o 100% do custo das obras de construción dun centro de día con capacidade para atender a 40 persoas maiores. A intervención consistirá na rehabilitación dunha antiga escola construída na década dos 30 do século pasado e que é un dos edificios máis singulares da vila.

Pola súa banda, na Bola reformarase a residencia de maiores cun investimento de 122.000 euros. Esta contía cubrirá o custe total das obras que se levarán a cabo e que consistirán en adaptar a instalación de auga quente mediante un sistema de aerotermia; na climatización das salas de estar da planta baixa e a renovación das portas de evacuación do inmoble.

Convenios

O xerente do Consorcio explicou que proximamente asinarase os convenios de colaboración para financiar entre este ano e o seguinte estas intervencións. Os concellos encargaranse de licitar e contratar as obras, así como da xestión dos centros.

A través do Plan de investimentos, a Xunta pon á disposición dos concellos galegos 18,5 millóns de euros procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU). Con este orzamento desenvolveranse unha vintena de proxectos por toda a comunidade, entre residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociocomunitarios, en cuxa selección tamén participou a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Perfecto Rodríguez destacou o impulso histórico que se dá con este Plan aos servizos locais e de proximidade destinados ás persoas maiores. Ao respecto, indicou que suporá unha importante mellora dos equipamentos e que traerá consigo a creación de 500 novas prazas de atención residencial e outras 150 de atención diúrna.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2024