A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou esta mañá o obradoiro de xoiería de Rosa Higuero, en Cabanas

Martina Aneiros anima aos artesáns de Ferrolterra a solicitar as axudas para o fomento da comercialización da artesanía de Galicia

Obradoiros artesanais, Concellos e as asociacións profesionais e empresariais do sector poden beneficiarse desta orde de subvencións dotada dun crédito orzamentario de 265.000 euros

O prazo para presentar as solicitudes finaliza o próximo 29 de xullo

Cabanas (A Coruña), 5 de xullo de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o obradoiro de xoiería de Rosa Higuero, en Cabanas, onde animou ás artesás e artesáns de Ferrolterra a solicitar as axudas para o fomento da comercialización da artesanía de Galicia da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

“Con esta liña de axudas o Goberno galego apoia a asistencia dos obradoiros artesanais a feiras de calquera ámbito territorial o que lles permite abrir novos mercados ao tempo que incrementar as súas ventas e asegurar así a viabilidade dos seus negocios”, sinalou Aneiros.

Durante a visita na que estivo acompañada polo alcalde de Cabanas, Fernando Couce, a delegada coñeceu as pezas desta artesá especializada no traballo da prata combinada con esmalte ao lume, metais preciosos, vidro e metacrilato. Rosa Higuero comezou no mundo da ourivaría hai máis de trinta anos e é unha asidua ao circuíto de feiras de artesanía tanto nacional como internacional para o que o pasado ano contou cunha achega desta convocatoria autonómica de preto de 1.900 euros.

Estas axudas, das que se poden beneficiar os obradoiros artesanais, os Concellos e as asociacións profesionais e empresariais do sector, concédense en réxime de concorrencia competitiva e poden alcanzar o 80% do investimento subvencionable. 

No caso de talleres artesanais como o de Rosa Higuero, poderán recibir ata 8.000 euros para a participación como expositores en feiras de interese artesanal nacionais ou internacionais. No caso dos Concellos, os apoios poden alcanzar os 15.000 euros e destinaranse á organización de feiras ou eventos de interese artesanal de carácter monográfico. Se non son monográficas o importe variará segundo o número de talleres inscritos no Rexisto Xeral de Artesanía de Galicia que participen.

Pola súa banda, as asociacións profesionais e empresariais de artesáns poderán optar a achegas de ata 18.000 euros pola organización de feiras de artesanía no ámbito da Comunidade Autónoma, dependendo do número de obradoiros involucrados. Tamén poden optar a apoios para o mantemento das súa páxinas web.

Esta orde de axudas está dotada cun crédito orzamentario de 265.000 euros e o prazo para presentar as solicitudes finaliza o próximo 29 de xullo.

A delegada aproveitou lembrar a convocatoria dos Premios Artesanía de Galicia cos que o Goberno galego recoñece cada ano a mestría, traxectoria e talento do sector artesanal galego. Os galardóns dividiranse en tres categorías -Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Premio bolsa Eloy Gesto- e o prazo para presentar as candidaturas estará aberto entre o 16 e o 27 de setembro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2024