O secretario xeral da Lingua participa na entrega dos galardóns

Valentín García agradece a contribución ao galego do premio de microrrelatos de Feiraco

O certame recoñece, na categoría adulta, a José Alvite Lema polo texto ‘Púxenme a escoitar no silencio da noite’

Na modalidade xuvenil, o premio foi para Miguel Salgado Abraldes, do colexio Virxe da Saleta, polo relato ‘Unha noite no parque’

Ames (A Coruña), 5 de xullo de 2024

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na entrega de premios do XII Certame Microrrelatos de Feiraco onde agradeceu a implicación desta entidade na promoción e divulgación da lingua galega. 

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, no acto que se celebrou na sede CLUN, sinalou a importancia deste tipo de certames que impulsan o coñecemento e o uso do galego. Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que estes premios “axudan á dinamización do idioma e á creatividade literaria en lingua galega, coa implicación do tecido socioeconómico de Galicia e o apoio da Xunta”.

O certame promovido por Feiraco recoñeceu na categoría adulta a José Alvite Lema polo texto Púxenme a escoitar no silencio da noite. Na modalidade xuvenil, pola súa banda, o primeiro premio foi para Miguel Salgado Abraldes, do colexio Virxe da Saleta en San Cristovo de Cea, por Unha noite no parque. Os galardoados recibiron lotes de produtos e un ano de libros en galego. 

O resto de textos que resultaron premiados na modalidade de adultos foron A liña de fronte de Pablo Nogueira Campo e Loliño de Manuel Felípez Collazo. En canto a categoría xuvenil foron galardoados tamé, Os campos de Galicia de Analía Baloira Núñez e A xustiza pola man de Noa Rodríguez Pájaro, ambas do instituto Xermán Ancochea Quevedo de Trives. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2024