O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participa en Porto do Son deste festival urbano que se enmarca na programación estival do ‘CulturON’

López Campos celebra no ‘Rompetiño Jump’ un verán de actividades culturais para todos os públicos

Este certame está vencellado á marca Fest Galicia, creada pola Xunta para promover a organización de iniciativas musicais na Comunidade

Porto do Son (A Coruña), 7 de xullo de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, estivo esta tarde gozando das actividades do festival Rompetiño Jump en Porto do Son, unha festa de carácter musical, cultural e deportivo coa que colabora a Xunta a través de Fest Galicia, a marca creada polo Goberno galego para promover iniciativas musicais na Comunidade.

Tal e como lembrou López Campos, trátase dunha das propostas “que dan boa conta da diversidade de actividades programadas este verán ao abeiro do CulturON, a campaña da Consellería, co obxectivo de satisfacer os gustos e intereses de todos os públicos”. Así, indicou, “esta festa forma parte das máis de 500 iniciativas que se poñen en marcha concretamente no marco de distintos festivais de diversa índole estendidos por numerosas localidades galegas, atendendo así tamén á idea da descentralización”.

Ademais, o titular de Cultura, destacou a conexión especial que o Rompetiño Jump consegue coa xuventude “cunha coidada combinación de deportes extremos, cultura urbana e música ao vivo, que o converte nun importante evento integrador”.

Cultura urbana e música ao vivo

Este festival de Porto do Son é coñecido por poñer o foco en disciplinas deportivas urbanas como o BMX, o skate, o parkour, ou o baloncesto na rúa, acompañadas polo seu cartel de concertos, sendo a música ao vivo outro dos seus piares. Ademais, a programación celebra a cultura local con obradoiros, gastronomía ou manifestacións artísticas propias da contorna.

Data de actualización: 07/07/2024