Os avisos por niños de avespa velutina recibidos pola Xunta no que vai de ano reducíronse en case un 60 % coa activación das medidas de choque

A directora xeral de Administración Local e o director xeral de Emerxencias e Interior mantiveron hoxe unha reunión con representantes da empresa pública Seaga encargada da retirada dos niños, da central de chamadas do 012 e do 112 Galicia

A diminución con respecto a 2023 débese principalmente ao adianto da retirada dos niños primarios e ao trampeo organizado, selectivo e xeolocalizado

O Goberno galego incide na importancia da colaboración cidadá e na necesidade de que contacten co teléfono 012 cando detecten un niño de vespa velutina

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2024

O número de avisos pola presenza de niños de avespa velutina recibidos pola Xunta no primeiro semestre deste ano reduciuse en case un 60% con respecto ao mesmo período de 2023, ao pasar de 9.735 avisos a 4.129. Os datos déronse a coñecer hoxe na xuntanza de balance do programa galego de vixilancia e control fronte á avespa velutina acordado entre o Goberno galego e os concellos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Segundo as primeiras análises, a diminución débese principalmente ás medidas de choque activadas pola Xunta a comezos de ano.

 

Na reunión participaron a  directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, xunto con Luisa Piñeiro, directora da empresa pública Seaga, encargada da encomenda da retirada de niños, e representantes da central de chamadas do 012 e do 112.

 

O plan de acción incluíu o adianto da retirada dos niños detectados cunha campaña especial de actuación sobre os primarios, que son os primeiros en aparecer, e a realización dun trampeo organizado, selectivo e xeolocalizado, avalado por técnicos e especialistas coordinados por científicos e investigadores, dándolle así resposta a unha das principais demandas dos colectivos afectados pola avespa velutina. Esta actuación dirixiuse especialmente á captura das raíñas, con máis de 113.000 atrapadas. O trampeo, iniciado en marzo, supuxo a instalación de máis de 20.000 trampas no 87% do territorio galego.

 

Reforzo das canles de aviso

Na xuntanza acordouse, como cada verán, reforzar desde o 15 de xullo ata mediados de setembro a liña específica do Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 para atender os avisos de niños de velutina, coincidindo coa época de maior proliferación desta especie. Deste xeito, esténdese a cobertura a todos os días da semana en horario entre as 08,00 e as 20,00 horas.

Natalia Prieto incidiu na importancia da colaboración cidadá e na necesidade de contactar co teléfono 012 cando se detecte un niño de avespa velutina para informar da súa presenza co obxectivo de minimizar o seu impacto e frear o seu avance na comunidade.

Lembrou tamén que o Goberno galego avanza cada ano na implantación das novas tecnoloxías para habilitar novas formas de contacto coa cidadanía. Nesta liña de acción intégrase a aplicación Controlvelutina, que os efectivos de Seaga empregan para xestionar os avisos introducindo en tempo real os datos de xeolocalización e fotografías do niño, as observacións de cada caso e o resultado final. Xa se realizou ademais a súa integración cos servizos de emerxencias do 112, permitindo se poidan derivar de forma automática os avisos para mobilizar os medios de retirada nos casos máis urxentes.

A maiores, mantense o chatbot para comunicarlle á Xunta a presenza de niños de avespa velutina como vía complementaria ao Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012. Trátase dunha contorna de chat similar á doutros servizos en liña, que conta con opcións pechadas de resposta para guiar os usuarios co obxectivo de rexistrar o aviso de forma adecuada. O servizo está dispoñible as 24 horas do día os 365 días do ano e pódese acceder desde a páxina web www.xunta.gal/servizo-do-012.

Outra vía complementaria na xestión de avisos é un axente virtual, un robot de voz baseado nos últimos avances en linguaxe natural e con tecnoloxía de última xeración e intelixencia artificial que funciona as 24 horas.

Pola súa parte, o director xeral de Emerxencias e Interior aclarou que cando os avisos se corresponden cunha urxencia ou son de risco especial por estar en lugares moi concorridos derívanse aos servizos de emerxencia do 112 para a súa retirada inmediata. Puxo como exemplos niños activos no interior de vivendas habitadas ou en establecementos singulares ou de pública concorrencia.

Niños retirados

O operativo da empresa pública Seaga encargada da encomenda da retirada dos niños desta especie nos concellos galegos, todos eles adheridos ao programa, desprazou efectivos en máis de 3.600 ocasións entre xaneiro e xuño. Desta cifra, case 1.300 casos correspóndense con niños eliminados ou neutralizados -531 na provincia da Coruña, 91 na de Lugo, 63 na de Ourense e 589 na de Pontevedra,-, pero cómpre aclarar que noutros 1.431 avisos atendidos se tratou de niños inactivos. Ademais, noutros 578 casos non procedeu actuar  por tratarse de especies distintas da avespa velutina ou por non poder visualizarse de forma directa, e en 181 supostos tratábase de avisos duplicados.

 

Na maioría dos 1.300 niños retirados, os efectivos de Seaga levaron a cabo os traballos nun prazo de menos de cinco días hábiles. En caso de existir dificultades para o acceso, realizáronse as actuacións necesarias para proceder coa maior rapidez posible.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2024