Román Rodríguez e Miguel Corgos asisten ao XI Encontro de artesanía tradicional e popular de Galicia, que pon en valor o pulo económico do Mercado de Pendellos en Agolada

Agolada (Pontevedra), 6 de xullo de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e mais o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asistiron hoxe ao XI Encontro de artesanía tradicional e popular de Galicia, que se celebra ao longo de toda a fin de semana en Agolada para poñer en valor o pulo económico do Mercado de Pendellos na localidade do Deza.

Os conselleiros visitaron o centro expositivo e de actividades onde teñen lugar showcookings de recoñecidos chefs galegos do Grupo Nove, así como catas e un obradoiro de decoración. Os Pendellos  consolídanse como un motor de emprego e de dinamización socioeconómica, así como un vehículo de conservación e transmisión da tradición, a cultura e a promoción turística de Galicia.

O Corazón da Artesanía é un encontro multidisciplinar orientado a enxalzar e contribuír ao desenvolvemento integral dos oficios artesanais, especialmente dos máis tradicionais, e dos valores da artesanía. Na edición deste ano participan máis de 50 profesionais da Artesanía de Galicia, así como expositores de produtos gourmet e nel celébranse demostracións de artesanía en vivo, cursos especializados para artesáns e obradoiros abertos para todos os públicos, música en directo e actividades para os nenos e nenas.

Data de actualización: 06/07/2024