As Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Ares e As Pontes reciben equipamento de emerxencias cedido pola Xunta

Trátase dun kit de material para emerxencias no medio acuático e outro de material loxístico para a seguridade viaria

Enmárcase na orde de axudas en equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil 

Ferrol, 7 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia fixo entrega esta semana de diverso material de emerxencias a 86 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) doutros tantos concellos ou mancomunidades galegos entre as que se atopaban as dos concellos de Ares e As Pontes.

Así a AVPC de Ares recibiu un kit de material para as emerxencias no medio acuático que consiste nunha cadeira anfibia para adultos, unha táboa de rescate ríxida, un tubo de rescate e unha caixa de primeiros auxilios. Pola súa banda, a agrupación das Pontes foi beneficiaria dun kit de material loxístico para a seguridade viaria no que se inclúe unha mampara de protección visual plegable, soportes telescópicos antivento, pack de sinalización, tetrápodos con reflectantes, balizas sincronizables e lanternas. Ambos equipamentos suman unha achega de máis de 9.600 euros.

O material entregado enmárcase na orde de axudas en equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC).

A Xunta realizou nos últimos anos un importante investimento para reforzar o equipamento aos servizos de emerxencias municipais. Só no caso de Protección Civil, as achegas dos últimos anos para o financiamento da súa actividade, equipamento e formación suman máis de 22 millóns de euros. Ademais, neste ano, preto de 200 AVPC se beneficiaron da orde anual para gastos de mantemento, dotada con 340.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2024