A Xunta destina 500.000€ á mellora de 46 equipamentos culturais en toda Galicia

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude resolve as axudas coas que colabora coa renovación de centros culturais, auditorios e bibliotecas, entre outros

As subvencións enmárcanse nos obxectivos do plan para modernizar as infraestruturas no que traballa o Goberno galego

Entre as accións que se sufragan inclúese a adquisición de equipamentos informáticos, a mellora de accesibilidade, a creación de novos espazos e a posta en funcionamento de novas instalacións

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2024

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de resolver as axudas para a mellora de equipamentos culturais que, nesta convocatoria, contribúen á mellora de 46 infraestruturas de toda Galicia. Trátase dunha medida que conta cun orzamento de 500.000€ e que permite a renovación de bibliotecas, auditorios e centros culturais de 46 concellos.

Así, tal e como se publica no Diario Oficial de Galicia, as axudas incrementarán a calidade da oferta cultural de 19 bibliotecas e axencias de lectura, 15 centros culturais, seis auditorios, dous centros de interpretación patrimonial, dous escolas de música e un arquivo. Do total dos proxectos, 19 están na provincia da Coruña, 11 na de Lugo, 9 na de Pontevedra e 7 na de Ourense.

Ademais, entre as accións que se sufragan inclúese a adquisición de equipamentos informáticos, a mellora de accesibilidade, a creación de novos espazos e a posta en funcionamento de novas instalacións culturais.

Estas axudas enmárcanse no compromiso do Goberno galego por mellorar e impulsar o equipamento das unidades culturais galegas e garantir o acceso á cultura a todos os galegos en liña co futuro plan de modernización das infraestruturas culturais públicas de Galicia, a folla de ruta na que traballa a Xunta de Galicia para recoller os retos de futuro deses equipamentos.

Data de actualización: 06/07/2024