Preto do 95% dos contribuíntes galegos cumpren de forma voluntaria coas súas obrigas tributarias

A directora da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) compareceu hoxe na Comisión 3ª do Parlamento para explicar a Memoria de actividades do organismo correspondente ao ano 2023

Sonia Lafont puxo en valor os esforzos dos traballadores da Atriga para facilitar aos cidadáns o cumprimento das súas obrigas tributarias

A Atriga atendeu o ano pasado máis de 290.000 contribuíntes, tanto de maneira presencial como por vía telefónica 

Os fogares galegos aforraron máis de 257 millóns de euros en 2023 polas baixadas fiscais da Xunta en Sucesións e Transmisións Patrimoniais

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2024

Preto do 95% dos contribuíntes galegos cumpren de forma voluntaria coas súas obrigas tributarias. É un dos datos destacados pola directora da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), Sonia Lafont, que compareceu hoxe na Comisión 3ª do Parlamento para debullar a Memoria de actividades deste organismo relativa ao ano 2023.

Para Sonia Lafont estes datos responden aos esforzos da Atriga para facilitar aos cidadáns o cumprimento voluntario das súas obrigas tributarias, con actuacións de información e asistencia destinadas a facer máis sinxelo e áxil o acceso á administración. Estas funcións préstanse tanto de xeito presencial, como mediante a canle telefónica e a través da páxina web, para permitir que o contribuínte escolla a que lle resulte máis fácil.

Neste sentido, a Atriga atendeu o ano pasado preto de 290.000 contribuíntes, tanto de maneira presencial como por vía telefónica, dos que máis de 7.700 recibiron atención a través da canle preferente para maiores de 65 anos. Por outra banda, atendéronse máis de 1.408.000 consultas a través da Oficina Virtual Tributaria (OVT).

Aforro para os fogares galegos

Os fogares galegos aforraron o ano pasado máis de 257 millóns de euros grazas ás baixadas fiscais aprobadas pola Xunta de Galicia no Imposto sobre Sucesións e Doazóns (ISD) e no Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD).

Estes 257 millóns de euros son recursos que quedaron en mans das familias galegas co obxectivo de reactivar o consumo interno e a actividade económica, evitar o despoboamento nas zonas pouco poboadas, recuperar as terras agrarias e manter íntegro o patrimonio dos fogares en caso de perda dun familiar directo.

Acceso áxil e sinxelo á Administración

No ano 2023, a Atriga continuou reforzando e avanzando na información e simplificando a asistencia á cidadanía coa finalidade de contribuír a garantir a prestación dos servizos públicos a todos os galegos e galegas.

Deste xeito, desde abril do pasado ano, os cidadáns galegos poden pagar os seus impostos, taxas ou ingresos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) a través da plataforma Bizum, mediante a pasarela de pago da Oficina Virtual Tributaria da Atriga, con todas as entidades bancarias que dispoñen de Bizum para comercios e sen implicar ningunha comisión para o cliente.

Con esta forma de pago, aberta tanto a particulares como a empresas, ampliáronse as canles xa dispoñibles para facilitar o cumprimento das obrigas tributarias á cidadanía, que xa tiñan á súa disposición outras formas de pago, como a posibilidade de aboar on line, -a través da Oficina Virtual Tributaria da Atriga e cunha tarxeta de crédito ou débito- todos os ingresos xestionados por este organismo, para evitar os desprazamentos ás oficinas bancarias.

Así mesmo, poden realizar nas súas delegacións o pago das autoliquidacións do Imposto de Sucesións e Doazóns, do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) e de vehículos usados por importe de ata 3.000 euros, a través dun Terminal en Punto de Venda (TPV) físico. Esta operación pode facerse mediante tarxeta de calquera entidade bancaria –e sen comisión de utilización para o contribuínte-, no mesmo momento no que se estea a realizar a presentación dos impostos en calquera das cinco delegacións da Atriga (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo).

Ademais, tamén poden realizar o pago das débedas tributarias a través de xiro postal, un medio moi utilizado no rural, así como o pago a través de caixeiros automáticos, que tamén esta dispoñible.

Actuacións tributarias

A Memoria de actividade presentada hoxe recolle tamén as actuacións de prevención e control tributarias desenvolvidas pola Xunta nas que, de media, cada traballador da Atriga detectou unha débeda de preto de 272.000 euros. Isto permitiu aflorar 90,5 millóns de euros de débeda non declarada no ano 2023. Unha cantidade que equivale a preto de 470 camas hospitalarias, máis de 12.000 prazas de educación pública non universitaria, más de 15.000 prazas de escolas infantís ou preto de 3.300 prazas en residencias públicas de maiores ao ano.

Data de actualización: 05/07/2024