A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou o Parque Natural Fragas do Eume

A Xunta inviste arredor de 115.000 euros na reparación da ponte colgante Cal Grande e ultima o proxecto para arranxar a de Fornelos

A previsión é que as obras na primeira infraestrutura comecen a principios da vindeira semana e que estean rematadas a finais de setembro

Ángeles Vázquez destaca que o obxectivo é reabrir ambas pasarelas coas máximas garantías de seguridade tanto para visitantes como para pescadores e mellorar a accesibilidade no Camiño dos Encomendeiros, a ruta máis transitada do parque

Pontedeume (A Coruña), 6 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia iniciará a comezos da vindeira semana as obras de reparación da ponte colgante Cal Grande, no Camiño dos Encomendeiros do Parque Natural Fragas do Eume, nas que investirá arredor de 115.000 euros. A maiores estase ultimando a redacción do proxecto para arranxar a pasarela de Fornelos -a outra existente no parque natural- coa finalidade de que as dúas poidan estar operativas o antes posible.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe a ponte de Cal Grande, onde destacou que os traballos nesta infraestrutura terán unha duración de arredor de tres meses -ata finais de setembro- e implicarán o desmontado secuencial do taboleiro da pasarela, da varanda, do cordón de sustentación e demais elementos, que serán substituídos por outros novos.

A responsable autonómica explicou que as actuacións previstas nas dúas pontes permitirán reabrilas ao público coas máximas garantías de seguridade -tanto para os visitantes como para os pescadores da zona- ao tempo que mellorarán a accesibilidade desta ruta, que é a máis transitada do parque natural.

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático lembrou que a reparación de ambas infraestruturas se iniciou xa no ano 2022, pero durante os traballos iniciais detectáronse danos estruturais na obra oculta das pontes que fixeron necesaria a redacción dun novo proxecto para corrixir esas deficiencias.

O parque

As Fragas do Eume foron declaradas Parque Natural en 1997 cunha superficie de máis de 9.000 hectáreas que se estenden polos concellos de Cabanas, Pontedeume, A Capela, Monfero e As Pontes de García Rodríguez. Trátase dun espazo que se atopa nunha zona de marcada influencia oceánica entre o medio litoral do esteiro do Eume e as montañas nas que nace o río. Estas características explican por que é, a día de hoxe, unha das mostras máis importantes dos bosques sublitorais galegos e un dos poucos bosques atlánticos ben conservados de Europa. Desde o ano 2023 conta cun Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) aprobado pola Xunta que prevé 8,5 millóns de euros de investimento para os seus 10 anos de vixencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/07/2024