Sete agrupacións de voluntarios de Protección Civil da comarca de Bergantiños-Costa da Morte reciben equipamento de emerxencias cedido pola Xunta

Trátase de 5 kits de material para emerxencias no medio acuático e 2 de ferramentas eléctricas  

Carballo (A Coruña), 6 de xullo de 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou na entrega de diverso equipamento de emerxencias a sete Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da comarca de Bergantiños-Costa da Morte. Trátase de 5 kits de material para emerxencias no medio acuático e 2 kits de ferramentas eléctricas, que suman un investimento superior aos 28.000 euros.

Os kits de material para actuacións no medio acuático, entregados a Camariñas, Dumbria, A Laracha, Malpica e Ponteceso, consisten nunha cadeira anfibia para adultos, unha táboa de rescate ríxida, un tubo de rescate e unha caixa de primeiros auxilios

En canto ás ferramentas eléctricas, entregadas aos concellos de Carballo e Muxía, o kit consta de amoladora, serra sable, motoserra con mochila para transporte, taladro percutor, miniarrancador, baterías e cargadores.

O equipamento entregado enmárcase na orde de axudas en equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). Dos 86 colectivos beneficiarios desta convocatoria, 25 son da provincia da Coruña. A actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do programa Feder de Galicia.

Belén do Campo  reafirmou o compromiso da Xunta cos servizos de emerxencias a pesar de ser competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos municipios de menor poboación-. Nesta liña, a Xunta realizou nos últimos anos un importante investimento para reforzar o equipamento aos servizos de emerxencias municipais. Só no caso de Protección Civil, as achegas dos últimos anos para o financiamento da súa actividade, equipamento e formación suman máis de 22 millóns de euros. De feito, neste ano, preto de 200 AVPC se beneficiaron da orde anual para gastos de mantemento, dotada con 340.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/07/2024