Seis agrupacións de voluntarios de Protección Civil da comarca do Barbanza reciben equipamento de emerxencias cedido pola Xunta

Trátase de 3  kits de material para emerxencias no medio acuático e 3  de ferramentas eléctricas  

Ribeira (A Coruña), 6 de xullo de 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou na entrega de diverso equipamento de emerxencias a seis Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da comarca do Barbanza. Trátase de 3 kits de material para emerxencias no medio acuático e  3 kits de ferramentas eléctricas, que suman un investimento superior aos 20.0000 euros.

Os kits de material para actuacións no medio acuático, entregados a Carnota, Outes e Muros, consisten nunha cadeira anfibia para adultos, unha táboa de rescate ríxida, un tubo de rescate e unha caixa de primeiros auxilios

En canto ás ferramentas eléctricas, entregadas aos concellos de Mazaricos, A Pobra do Caramiñal e Ribeira, o kit consta de amoladora, serra sable, motoserra con mochila para transporte, taladro percutor, miniarrancador, baterías e cargadores.

O equipamento entregado enmárcase na orde de axudas en equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). Dos 86 colectivos beneficiarios desta convocatoria, 25 son da provincia da Coruña. A actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do programa Feder de Galicia.

Belén do Campo  reafirmou o compromiso da Xunta cos servizos de emerxencias a pesar de ser competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos municipios de menor poboación-. Nesta liña, a Xunta realizou nos últimos anos un importante investimento para reforzar o equipamento aos servizos de emerxencias municipais. Só no caso de Protección Civil, as achegas dos últimos anos para o financiamento da súa actividade, equipamento e formación suman máis de 22 millóns de euros. De feito, neste ano, preto de 200 AVPC se beneficiaron da orde anual para gastos de mantemento, dotada con 340.000 euros.

Máis de 48.000 operativos en 2023

A delegada destacou a importancia do labor das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, non só como servizo de emerxencias local, senón tamén como rede que actúa en todo o territorio. Só en 2023 estes colectivos participaron en máis de 48.000 operativos no conxunto de Galicia. Referiuse tamén á importancia da formación dos membros destas agrupacións, que ao longo do último ano dispuxeron de case un cento de cursos na Academia Galega de Seguridade Pública específicos para a súa preparación. As accións formativas sumaron preto de 2.000 participantes.

Para Belén do Campo,  a dedicación e xenerosidade dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil merece o máximo apoio das administracións para facilitar o desenvolvemento do seu labor “con todas as garantías de seguridade e eficacia”, xa que moitas veces son os primeiros en chegar ao lugar dun accidente ou sinistro. A representante do Goberno autonómico incidiu tamén no recoñecemento e agradecemento por “unha entrega que converte estas agrupacións en exemplos de heroicidade e en símbolos de solidariedade”.

Neste marco de apoio aos servizos de emerxencias locais, no que vai de ano a Xunta tamén entregou diversas dotacións a catro Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). O investimento só en equipamento para servizos de emerxencias municipais da comunidade, tanto GES como Protección Civil, supera os 27 millóns de euros nos últimos anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/07/2024