A Xunta apoia a mobilidade dos universitarios galegos dentro e fóra da Unión Europea e a súa participación en cursos de idiomas no estranxeiro

Ata o 22 de xullo pódense solicitar axudas de entre 1.700€ e 2.500€ para participar o vindeiro curso en programas de mobilidade con países extracomunitarios

Un total de 186 estudantes mellorarán as súas competencias en idiomas este verán a través das bolsas da Xunta para estadías formativas no estranxeiro

A maiores, dentro do programa Erasmus+, este curso concedéronse bolsas de entre 366€ e 2.255 € a un total de 1050 estudantes das universidades galegas

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2024

A Xunta apoia un curso máis a mobilidade dos estudantes galegos e a súa participación en cursos de idiomas no estranxeiro. Para iso,  a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP ten aberta a convocatoria das bolsas para o alumnado das universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que participe en programas de mobilidade con países extracomunitarios no curso 2024-2025 fóra do ámbito do programa Erasmus+.

Cun orzamento total de 284.000€, o importe consignado para cada estudante nas súas estadías varía en función do país de destino, así será de 1.700€ para intercambios realizados en Europa e de 2.500€ para o resto do mundo. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 22 de xullo e formalizaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. 

Para solicitar a bolsa, o estudante deberá estar matriculado no curso 2024/25 en calquera grao das universidades públicas galegas e participar no devandito programa de mobilidade. Non poderán recibir a axuda os que xa gozaran dela en convocatorias anteriores e mais o alumando que, con nacionalidade distinta á española e con dobre nacionalidade, realice a mobilidade nos seus países de orixe. No curso 2023/24 recibiron estas axudas un total de 65 estudantes das universidades públicas galegas.

Estadías para a mellora de idiomas

Ademais, un total de 186 estudantes das universidades públicas galegas mellorarán as súas competencias en idiomas este verán a través das bolsas da Xunta para estadías formativas no estranxeiro. O Diario Oficial de Galicia publicou xa a resolución destas axudas, que teñen como obxectivo que os estudantes melloren as súas competencias en linguas estranxeiras, capacidade de estudo e de traballo no contexto internacional. Cada alumno recibe unha axuda de entre 1.200€ e 1.500€ para realizar estadías de formación lingüística nalgún país estranxeiro entre o 15 de xuño e o 31 de agosto. 

Do total dos 186 bolseiros, 137 (o 73%) son mulleres e 49 (o 26%) son homes. Por universidades, 79 estudan na de Santiago de Compostela, 59 na de Vigo e 48 na da Coruña. O país ao que máis se desprazan os alumnos é Malta (62 estudantes), seguido de Irlanda (54) e Reino Unido (24). Séguenlle Italia (11), Canadá e Francia (ambos 10 alumnos).

A rama de coñecemento na que están matriculados máis bolseiros é Ciencias Sociais e Xurídicas (95 estudantes), seguida de Ciencias da Saúde e Artes e Humanidades, ambas as dúas con 27 alumnos. A maiores, 23 beneficiados cursan estudos de Enxeñaría e Arquitectura e outros 14 da rama de Ciencias. O ano pasado participaron neste programa 160 universitarios.

Complementarias Erasmus

A maiores, a Xunta concedeu neste curso 2023/24 axudas complementarias ás do programa de mobilidade europea Erasmus+ a un total de 1.050 alumnos –650 mulleres e 400 homes– das tres universidades públicas. Segundo a resolución publicada polo Diario Oficial de Galicia, 468 dos beneficiarios cursan estudos na Universidade de Santiago de Compostela, 323 na Universidade de Vigo e 259 na Universidade da Coruña.

Por área de coñecemento, 533 dos beneficiarios son alumnos de Ciencias Sociais e Xurídicas, 147 de Enxeñería e Arquitectura, 146 de Ciencias da Saúde, 118 de Artes e Humanidades e 106 de Ciencias. Os países nos que máis realizan o Erasmus os beneficiados son, ao igual ca no curso pasado, Italia (278) e Polonia (219).

A Consellería destina un orzamento de 1,5M€ a esta convocatoria. A contía das bolsas oscila, en función da duración da mobilidade (entre tres e nove meses) e do país de destino, entre os 366€ e os 2.255€, sendo a axuda media de 1.555€. Cómpre sinalar que, ademais do importe por duración e destino, 688 alumnos perciben unha asignación adicional de 500€ por ter unha estadía igual ou superior aos cinco meses.

Igualdade de oportunidades

Estas axudas enmárcase dentro das iniciativas do Goberno galego a prol dun sistema educativo de calidade e con igualdade de oportunidades independentemente dos recursos económicos das familias. Así, a Consellería de Educación apoia aos estudantes para que poidan completar os seus estudos universitarios fóra do territorio español e favorece un ano máis a mobilidade estudantil, no sentido de adquirir, actualizar e completar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

As axudas teñen como obxectivo mellorar e perfeccionar o progreso do alumnado das universidades galegas. De esta maneira, tamén se consegue o progreso da sociedade no seu conxunto e constitúe a base para proporcionar o capital humano altamente cualificado e formado que precisa Galicia para afrontar os retos futuros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2024