A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, visitou hoxe este espazo

O Portamerica, nova parada da área de igualdade e punto lila e arco iris da Xunta de Galicia

A través deste servizo ofrecerase información e realizaranse actividades de concienciación sobre a igualdade entre mulleres e homes, o colectivo LGBTI ou a loita contra a violencia de xénero

Conta ademais cunha zona privada para as persoas que precisen unha atención máis tranquila e confidencial

A Área de Igualdade estará aberta todos os días do festival desde a apertura de portas ata as 22,00 horas e o punto lila e arco iris de xeito continuado

Portas (Pontevedra), 4 de xullo de 2024

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, destacou hoxe a necesidade de seguir sensibilizando á xente nova na importancia que teñen valores como a igualdade e a diversidade, para que sexan conscientes de que todos e todas somos iguais. Díxoo na visita a Área de Igualdade e punto lila e arco iris posto en marcha no Festival Portamerica pola Consellería de Política Social e Igualdade en colaboración con Turismo de Galicia.

María Quintiana explicou que na Área de Igualdade as persoas que se acheguen poderán participar en actividades de concienciación e aprendizaxe nas que se traballan contidos relacionados coa violencia de xénero, a promoción da igualdade e o colectivo LGBTI. Así mesmo, no que se refire ao punto lila e arco iris, recibirán información e asesoramento, ademais de contar cunha parte privada para as persoas que precisen ter unha atención máis tranquila e confidencial.

Os perfís profesionais do equipo de catro persoas que se encargará de atender este servizo son: unha psicóloga-sexóloga, unha psicóloga xurídica e dúas traballadoras sociais con formación en mediación e promoción da igualdade, perspectiva de xénero, trata e prevención da violencia. Este espazo estará aberto ao público todos os días de festival, o punto lila e arco iris de xeito continuado, e a Área de Igualdade desde a apertura de portas ata as 22,00 horas.

Arredor de 1.000 persoas no Son do Camiño

O Son do Camiño foi o primeiro en dispoñer dun espazo deste tipo, tendo moi boa acollida. De feito, durante os tres días de duración do evento, estímase que foron case 1.000 persoas as que se achegaron para participar nas actividades, pedir información e asesoramento. Esta iniciativa estenderase tamén ao Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, ao Atlantic Fest, ao Morriña Fest, ao Río Verbena e o Caudal Fest.

O obxectivo é que estes acontecementos de ocio, nos que se congregan un gran número de persoas, sirvan tamén de lugar de aprendizaxe no ámbito da igualdade, ademais de ofrecer información e asesoramento ás posibles vítimas por violencia de xénero, agresións sexuais e conductas LGBTIfóbicas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2024