A Xunta comprométese a fortalecer a colaboración internacional ao redor da ruta xacobea coa Federación Europea do Camiño de Santiago

Santiago de Compostela (A Coruña), 4 de xullo de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, comprometeu o apoio do Goberno Galego a fortalecer a colaboración internacional ao redor da ruta xacobea a través da Federación Europea do Camiño de Santiago, “porque a ruta xacobea é un dos grandes proxectos históricos de Europa e un dos poucos proxectos comúns europeos que segue vivo tras 1.200 anos”.

Xosé Merelles participou esta mañá na asemblea xeral desta entidade, na que a Xunta ostenta a Presidencia, onde apostou por que esta Federación teña capacidade “para xestionar proxectos que melloren a protección, xestión, desenvolvemento e promoción dos roteiros xacobeos”, e tamén para analizar a situación do Camiño en canto ás súas posibilidades, riscos e fortalezas. Para tal fin, o director de Turismo de Galicia adiantou que se puxo a disposición da Federación “os nosos especialistas no Camiño de Santiago, integrados na sociedade de xestión do Plan Xacobeo; ofrecemos a nosa sede e persoal para operar este Itinerario, e asumimos, xunto coa Federación Portuguesa, os traballos de preparación das memorias e informes necesarios para renovar a certificación do Camiño de Santiago como primeiro itinerario cultural europeo”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2024