A conselleira de Política Social e Igualdade destacou que esta medida chega a máis de 12.000 familias

Fabiola García visita en Abegondo un programa de conciliación financiado cun plan de 6,6 M€ a concellos

O Goberno galego ampliou recentemente o crédito desta liña de achegas, ata superar nun 33% o orzamento do ano anterior

No marco deste plan, destínanse outros 550.000 euros a case 60 Anpa e 300.000 euros a unha vintena de entidades sociais que tamén xestionan iniciativas destas características

Abegondo (A Coruña), 4 de xullo de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde, José Antonio Santiso, a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, visitou aos rapaces que participan nun campamento no CEIP San Marcos de Abegondo. Unha iniciativa que recibe financiamento a través do Plan Corresponsables, no que a Xunta de Galicia inviste este ano 6,6 millóns de euros destinados a concellos para programas de conciliación. Con esta contía, un 33% superior á do ano anterior, o Goberno galego dá cobertura a máis de 12.000 familias.

No caso de Abegondo, o concello recibiu case 30.000 euros para atender a cativos dunhas 300 familias de toda a comarca durante as vacacións de verán con actividades de todo tipo: piscina, deportes, informática, obradoiros... Con esta achega, tamén financian programas de conciliación noutros períodos vacacionais –Nadal, Entroido e Semana Santa–, ademais dun servizo de madrugadores e o programa Aula Lúdica polas tardes.

Na visita, a conselleira destacou que unha das prioridades da Xunta é ofrecer ás familias o apoio necesario para que poidan conciliar as súas obrigas laborais coa atención e o coidado aos seus fillos. Unha prioridade que o Goberno galego articula a través doutras moitas medidas, como a gratuidade do 100% das escolas infantís de 0 a 3 anos, a rede de casas niño –tamén de balde– ou o Bono Concilia Familia, para necesidades puntuais de conciliación.

Apoio a entidades sociais e Anpa

Ademais dos 6,6 millóns de euros que a Xunta destina a concellos para programas de conciliación, o Plan Corresponsables complétase con outras dúas liñas de axudas a entidades sociais e Asociacións de nais e pais de alumnos (Anpa). Na convocatoria deste ano, repartíronse 550.000 euros entre case 60 Anpa e 300.000 euros entre unha vintena de entidades sociais.

En palabras de Fabiola García, o Plan Corresponsables é unha mostra máis da aposta da Xunta pola conciliación e a corresponsabilidade, financiando alternativas para que as familias poidan ter aos seus fillos atendidos; pola igualdade, para que os coidados non recaian sempre nas nais; e pola colaboración cos concellos e coas entidades, que é a forma máis eficiente de chegar a todos os puntos de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2024