Lara Meneses agradece o labor de divulgación e difusión por honrar e manter vivo o legado do dramaturgo Ramón María del Valle-Inclán

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, participa na presentación da a terceira edición do Festival de Teatro Valle-Inclán que “xa se está a consolidar dentro do panorama cultural galego”

O catálogo de actividades ofrece representacións teatrais, unha instalación artística, conferencias, visitas guiadas ou a presentación dun libro

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 4 de xullo de 2024

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, participou hoxe na presentación da terceira edición do Festival de Teatro de Valle-Inclán, Festivalle, onde destacou “a programación de calidade e multidimensional que completa a oferta teatral e cultural galega”.

A representante da Consellería de Cultura Lingua e Xuventude destacou que esta cita “xa se está a consolidar dentro do panorama cultural galego” ao celebrar a terceira edición e ir máis alá do ámbito local para atraer a público diverso. Tamén agradeceu e felicitou á Asociación Amigos de Valle-Inclán pola labor de divulgación e difusión da figura e obra do autor na súa vila natal.

Esta iniciativa busca honrar e manter vivo o legado atemporal de Ramón María del Valle-Inclán, unha das figuras senlleiras da historia da literatura, e tamén ser unha fonte de inspiración para as novas xeracións de dramaturgos. Por iso dende a Xunta, tal e como salientou a directora xeral de Xuventude, “queremos apoiar estas propostas culturais que fan da nosa cultura un faro cara onde mirar”.

Durante a próxima semana terá lugar a diversa programación que a organización do evento ten prevista. Dentro do catálogo de actividades haberá representacións teatrais, unha instalación artística, varias conferencias, visitas guiadas ou a presentación dun libro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2024