A Xunta sacará a nova licitación a concesión do transporte regular que cobre a Comarca do Barbanza

Anuncioullo o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, aos alcaldes de Boiro, A Pobra do Caramiñal e Rianxo nunha xuntanza celebrada hoxe

A medida busca garantir a prestación do servizo segundo as necesidades e demandas das persoas usuarias

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2024

A Xunta sacará a nova licitación a concesión do transporte regular que cobre o Barbanza tras a resolución do contrato de explotación da Comarca do Barbanza. Así llo confirmou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, aos alcaldes de Boiro, José Ramón Romero, da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal e de Rianxo, Julián Bustelo, nunha xuntanza na que tamén participou a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela.

A medida busca garantir a prestación do servizo segundo as demandas e necesidades das persoas usuarias, detectadas a través do labor de seguimento que está a realizar a Xunta. Con ela dáselle ademais cumprimento ao acordo parlamentario adoptado por unanimidade na Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos o pasado novembro, no que se instaba ao Goberno galego a utilizar todas as ferramentas incluídas no prego de cláusulas administrativas para a mellora na prestación do seu servizo público na comarca do Barbanza.

Na xuntanza Diego Calvo explicoulles aos alcaldes os pasos previstos para a nova licitación, que require da resolución previa do contrato coa concesionaria. A previsión é que se faga de mutuo acordo e prevendo a continuidade da actual empresa na explotación ata a implantación do novo contrato. Deberá tamén elaborarse un novo anteproxecto de explotación, que será sometido a información pública e audiencia aos concellos para ser logo autorizado polo Consello da Xunta.

Actualización constante

A concesión que se prevé licitar enmárcase no Plan de Transporte Público de Galicia, co que a Xunta avanza na consecución dun modelo de mobilidade optimizado, moderno, intelixente e responsable coa poboación galega e co medio natural. A importancia estratéxica do transporte público fai precisa unha actualización constante que atenda as demandas reais e se adapte ás características territoriais, conxugando as necesidades rurais e urbanas de xeito que cada galego e galega, alí onde residan, dispoñan dun medio de transporte público accesible.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2024