O presidente da Xunta asistiu á inauguración da nova sede do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia

Rueda destaca o labor dos gandeiros e os consellos reguladores á hora de situar Galicia como un referente na produción de carne de excelencia

Sinala que os selos Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego son sinónimos de calidade e de valor engadido

Salienta o compromiso do Goberno galego cos produtores, con diferentes medidas para mellorar a competitividade e a sustentabilidade das explotacións

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o labor dos gandeiros e os consellos reguladores á hora de situar Galicia como un referente na produción de carne de excelencia.

O titular do Goberno galego, que asistiu á inauguración da nova sede do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas (IXP) de Carne de Vacún de Galicia Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego, sinalou que estes selos son sinónimos de calidade e valor engadido.

Rueda sinalou as vantaxes dos mesmos desde “o punto de vista da comercialización, de fixar poboación no rural ou evitar os incendios” entre outros, lembrando a importancia do sector da carne para a economía galega. Galicia conta con máis de 43.000 explotacións e 200 industrias que son todo un referente de excelencia, e máis da metade da carne de vacún que se comercializa en España baixo un selo de calidade (57%) é Ternera Gallega.

Por iso, tal e como destacou o presidente, a Xunta está firmemente comprometida con apoiar os produtores, con diferentes medidas na Estratexia de dinamización do sector cárnico para mellorar a competitividade e sustentabilidade das explotacións galegas, ou con axudas como os 12 M€ en achegas para os produtores de Ternera Gallega para paliar os sobrecustos da suba das materias primas, unha convocatoria nova deste ano cuxos fondos acaban de ser executados.

Estas axudas son asumidas integramente desde a Xunta con fondos propios, e, tal e como xa se anunciou esta semana, a Administración autonómica vai solicitar ao Ministerio que as incorpore como unha liña máis do financiamento da PAC.

O responsable do Executivo autonómico resaltou a traxectoria de Ternera Gallega, “un labor colectivo que ten protagonistas claros e que hoxe celebran unha sede á altura de todo o que se fixo”, facendo fincapé no traballo que se fai desde a orixe para asegurar a calidade e a proxección exterior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2024