Xosé Merelles anuncia que mañá venres se adxudicará a segunda e terceira fase do proxecto de rehabilitación do Parque do Pasatempo

O director de Turismo de Galicia anunciouno no marco da presentación do Festival do Pasatempo, unha iniciativa que conta co apoio da Xunta de Galicia

Betanzos (A Coruña), 4 de xullo de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, anunciou esta mañá en Betanzos que a segunda e terceira fase do proxecto de rehabilitación do Parque do Pasatempo se adxudicará mañá venres. Trátase da parte do proxecto que corre a cargo de Turismo de Galicia no marco do Plan Xacobeo Next Generation. Tamén avanzou que a Xunta colaborará co Concello de Betanzos na redacción do proxecto da cuarta e última fase, para asegurar así que a totalidade da rehabilitación se realice canto antes e que Turismo de Galicia execute as obras.

“O noso compromiso con este proxecto e cos outros 12 BIC que integran o Plan Xacobeo Next Generation é claro desde o principio sempre velamos para que se cumprisen os prazos e se poida realizar no marco do estimulado”. Así o avanzou durante a presentación esta mañá en Betanzos o Festival do Pasatempo, unha cita musical que reúne na vila coruñesa este venres e sábado a artistas de prestixio coma Andrés Suárez, David Bustamante, Sabela e Paula Mattheus, e que conta co apoio da Xunta de Galicia polo “o impulso e o interese turístico que supón para este Concello e esta comarca”.

Durante o acto, o director de Turismo de Galicia subliñou que “o espectáculo inclúe propostas variadas capaces de satisfacer a todos os públicos, con artistas consagrados pero tamén noveis”.

Un espazo con carácter propio

Durante a súa intervención, Xosé Merelles puxo en valor o espazo que acollerá este festival, o Parque do Pasatempo de Betanzos, “un lugar presta o seu nome ao evento pero que ten singularidade e carácter propio para ser un punto de atracción de visitantes e curiosos”.

Sobre o proxecto de rehabilitación, que ten un investimento global de 1,5M€, indicou que a segunda e terceira fase das obras de restauración deste espazo, suporán, entre outros aspectos, a restauración  do Estanque da Gruta e a Gruta da Recolecta para salvagardar a súa unidade estilística. Ademais, recuperaranse elementos escultóricos e arquitectónicos moi notables e actuarase na Fonte das Catro Estaciones. Tamén se restaurará o circuíto hidráulico e tratamento dos bordos do estanque da Xubilación.

Finalmente, o proxecto incorporará as varandas de ferro fundido como unha parte do sistema hidráulico para facilitar que estas pilastras funcionen como fontes. “Trátase dun conxunto de actuacións que embelecerán aínda máis este magnífico espazo”, asegurou o director de Turismo de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2024