A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe a zona da intervención, ao seu paso polo concello pontevedrés de Soutomaior

A Xunta completa os traballos de mellora e limpeza nun tramo de 1 km do Verdugo, unha das últimas actuacións executadas no marco do Proxecto Mil Ríos

Cun investimento executado de preto de 60.000 €, os labores comezaron o ano pasado e centráronse en eliminar especies invasoras e alóctonas da ribeira nun treito fluvial que discorre entre a ponte colgante e a ponte medieval de Comboa

Ángeles Vázquez subliña que esta iniciativa, financiada con fondos europeos, permitirá optimizar a resiliencia e a capacidade de resposta de medio cento de cursos fluviais pertencentes a 16 ríos galegos ante os efectos do cambio climático

Soutomaior (Pontevedra), 4 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia acaba de completar os traballos de conservación, mellora e limpeza nun tramo de máis de 1 quilómetro do río Verdugo entre a ponte colgante e a ponte medieval de Comboa, no concello pontevedrés de Soutomaior.

Tras subliñar que esta actuación é unha das últimas en executarse no marco do chamado Proxecto Mil Ríos, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou esta mañá os principais datos da intervención desde a propia zona, localizada nas proximidades da área recreativa A Veiguiña.

Cun investimento de case 60.000 euros, explicou que os labores comezaron o ano pasado e se executaron divididos en dúas fases. A primeira, centrouse na eliminación de especies invasoras e alóctonas presentes na zona de ribeira (fundamentalmente acacias dealbata) mediante o seu chasqueado, unha técnica manual que consiste en retirar a cortiza dos exemplares evitando deste xeito o uso de sustancias fitocidas.

Nunha segunda fase procedeuse á corta e retirada dos pés chasqueados previamente así como á eliminación do exceso de madeira morta localizada na canle e na zona de dominio público hidráulico e cuxa presencia dificultaba tanto a pesca como o seu uso por parte dos visitantes que se achegan ata o paseo fluvial próximo.

Grazas a estas actuacións, tal e como explicou Vázquez Mejuto, acadouse unha notable mellora da vexetación de ribeira e da situación ecolóxica da zona, ao tempo que tamén contribuíu a facilitar o uso público e a actividade da pesca fluvial neste tramo, que forma parte do couto troiteiro de Soutomaior.

O proxecto Mil Ríos é unha iniciativa impulsada polo departamento de Medio Ambiente no ano 2022 cun orzamento global de 5 millóns de euros procedentes dos fondos europeos NextGenerationUE.

Tras indicar que o obxectivo é completar a finais deste ano todas as actuacións previstas, a conselleira explicou que, en total, se mellorarán 470 quilómetros de medio cento de cursos fluviais pertencentes a 16 ríos e na lagoa de Cospeito para aumentar así a súa resiliencia e capacidade de resposta ante o cambio climático.

Este proxecto é unha das actuacións máis ambiciosas que está a levar a cabo a Xunta grazas ao financiamento europeo asignado a Galicia para iniciativas no eido da restauración e da conservación dos ecosistemas e da súa biodiversidade.

Neste sentido, a responsable autonómica incidiu en que, en cifras xerais, dos 26 millóns de fondos europeos asignados a Galicia no reparto de fondos europeos ás comunidades para impulsar proxectos destinados á protección da biodiversidade, a día de hoxe case o 90% xa están comprometidos ou executados.

Por outra banda, a conselleira avanzou que o vindeiro outono o seu departamento ten previsto levar a cabo outra actuación na mesma zona. En concreto, explicou que o proxecto consistirá en acondicionar a ponte colgante sobre o río Verdugo para reforzar a seguridade así como na execución doutras labores de mantemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2024